Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas amosa a súa satisfacción ante un novo avance na ampliación e reforma da depuradora da Moscadeira

O Concello de Ponteareas amosou a súa satisfacción ante un novo avance nas obras de ampliación e reforma da depuradora da Moscadeira. O Consello de Administración de Augas das Cuncas de España, ACUES, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, adxudicou por máis de 754.000 euros o contrato de asistencia técnica á dirección na supervisión da redacción do proxecto construtivo da mellora da EDAR e do control da execución das obras, así como na supervisión e control medioambiental das obras de mellora da depuradora e dos colectores ponteareáns.

O Goberno municipal do BNG-PSOE salienta que estas obras de mellora suporán un antes e un despois para o sistema de saneamento ponteareán. “Despois de anos de conversas e innumerábeis xestións, por fin vemos como avanza de xeito firme o que será o maior investimento da historia de Ponteareas nun equipamento municipal. Para nós trátase dun investimento imprenscindíbel para solucionar dous dos grandes problemas históricos de Ponteareas, como é a falta de saneamento no rural e a contaminación do río Tea”, sinalou a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

Cun prazo de execución de 36 meses e un investimento de 8 millóns de euros, estas obras contemplan a reforma e ampliación da actual depuradora para chegar a cubrir unha poboación de 20.000 habitantes. Será a través da execución dun novo pretratamento para as verteduras procedentes dos colectores Sur, Norte e Xinzo e da construción dun segundo reactor biolóxico e decantadores secundarios de apoio aos xa existentes.

Xunto á depuradora tamén se mellorará o saneamento de Ponteareas coa construción de dous colectores e coa limpeza e rehabilitación do último tramo do colector interceptor do río Xinzo, ao que se lle incorporará un novo pozo de bombeo ata a EDAR.

Con este proxecto reduciranse as infiltracións que se producen na rede de colectores, propiciando a captación e separación de augas non contaminadas procedentes de escorrentías superficiais e fontes do sistema de saneamento. Permitirá así recuperar as augas do río Tea, eliminando as verteduras producidas ata o momento.

As obras serán cofinanciadas ao 50% polo Estado a través de fondos europeos FEDER ao abeiro do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE), ao 30% polo Concello de Ponteareas e ao 20% pola Xunta. Ademais, mentres as obras de ampliación e mellora da Moscadeira avanzan, o Concello tamén traballa de xeito paralelo no proxecto dunha nova depuradora que permita atender as necesidades de saneamento das parroquias situadas na cunca do río Uma, que tecnicamente non poden empregar da Moscadeira.