Sábado, 3 Maio de 2025

Cultura contra a violencia machista en Ponteareas

O Concello de Ponteareas conmemora un ano máis o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, con moita cultura e accións de sensibilización e visibilización. A programación arranca este mesmo venres 25 de novembro ás 12.00 horas diante da Casa do Concello cun acto institucional no que se levará a cabo a lectura dun manifesto por parte de todas as forzas políticas da Corporación municipal.

Unha acción que dará o pistoletazo de saída a unha axenda de lecer coa que “queremos reivindicar e denunciar a violencia machista coa voz da cultura e visibilizar e concienciar á veciñanza, e en especial as novas xeracións, sobre esta problemática e a importancia de non normalizar certas situacións”, explica a concelleira de Igualdade, Verónica Carrera.

O domingo 27 de novembro chega á sala multiúsos do auditorio municipal ‘Se pechas os ollos’, unha obra de Trémola Teatro dirixida a público adulto que emprega danza, música e teatro para achegar ao público a realidade da violencia de xénero a través da historia dun amor de mocidade que vai evolucionando cara a unha relación de violencia e control. O pano levantarase ás 19.00 horas e o acceso será con entrada de balde e libre ata completar aforo.

Xa o venres 2 de decembro a protagonista será ‘Valente e rebelde’, coa que a mesma compañía teatral buscará achegar ao público infantil á igualdade de xénero. A través dos debuxos dos seus personaxes favoritos, de xogos, disfraces e moitas aventuras, a protagonista, Anita, demostra a todos os nenos e nenas que ser valente e rebelde son dúas boas cualidades. A representación será ás 17.00 horas na sala multiúsos do auditorio municipal, con entrada libre ata completar aforo.

A concelleira anima a toda a veciñanza a sumarse a estes actos e actividades coas que “dende o Concello continuamos loitando contra a violencia de xénero e contra a discriminación por sexo ou identidade sexual, un traballo que afrontamos os 365 días do ano”.