Domingo, 4 Maio de 2025

O CEP Carlos Casares de Salvaterra, premio no certame de Imaxes do Patrimonio organizado por ‘Ponte… nas ondas’

A Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte… nas Ondas conmemorou onte o Día Internacional do Patrimonio e o fixo coa entrega de premios do 5º certame de Imaxes do Patrimonio, evento retrasmitido en directo, a través da radio e internet, dende o Auditorio da Asociación Cultural de Valadares, en Vigo.

O CEP Carlos Casares de Salvaterra de Miño obtivo o premio especial polas imaxes do proxecto do curso pasado A auga no patrimonio arquitectónico da contorna de Salvaterra de Miño e as súas parroquias e pola súa traxectoria de colaboración ao longo de tantos anos.

Cómpre lembrar que o Carlos Casares é unha das escolas pioneiras que formaron parte daquela innovadora metodoloxía que buscaba tecer lazos de unión e colaboración entre os centros educativos, dun e doutro lado do río Miño e que pretendía recuperar e dar visibilidade ao Patrimonio Inmaterial que é común a ambos lados do río.

Esta actividade xurdiu cando se inaugurou a Ponte Internacional que une Salvaterra de Miño con Monçao. Dende entón, e xa van preto de 30 anos, o colexio de Alxén leva participando activamente en todas as actividades que organiza esta Asociación.

[su_image_carousel source=”media: 63925,63927,63928,63929″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Á entrega de premios asistiron, ademais das persoas galardoadas, numerosas autoridades do eido da Cultura e da Educación dos dous países.

Este é un premio compartido con toda a Comunidade Educativa do CEP Carlos Casares, porque cada quen aportou “a súa pinga de auga” para que este proxecto saíra adiante.

O Proxecto que van traballar este curso é “MeteoAlxén” unha iniciativa multidisciplinar e moi ambiciosa, que se desenvolverá dende varias disciplinas. O pasado domingo coincidindo coa xornada de portas abertas que organiza a ANPA e o colexio, foi inaugurada a exposición anual dos obxectos aportados por toda a Comunidade Educativa, unha mosta que contou coa presenza de moito público a pesar das conducións meteorolóxicas adversas.

Como cada ano conseguiuse un número moi importante de fotografías relacionadas coa meteoroloxía, o clima e os fenómenos atmosféricos. Quen sabe se unha destas imaxes será a gañadora do 6º certame de imaxes do Patrimonio.

Agardamos con impaciencia que Ponte… nas Ondas consiga entrar, nos próximos días, no Rexistro de Boas Prácticas de Salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial da Unesco.