Martes, 13 Maio de 2025

O Concello de Redondela contratará a catro persoas ao abeiro do programa ‘Primeira experiencia profesional’ da Deputación

Trátase de brindar á mocidade unha oportunidade para iniciarse no mundo laboral poñendo en práctica os coñecementos adquiridos nos seus respectivos estudos

O Concello de Redondela contratará a catro persoas no marco do programa Primeira experiencia profesional da Deputación de Pontevedra, un proxecto que busca que os mozos que veñen de rematar os seus estudos nas súas respectivas áreas, poidan tomar contacto co mundo laboral e poñer en práctica os coñecementos teóricos adquiridos.

As prazas ofertadas polo Concello redondelán son 1 técnico superior de Promoción de Igualdade de xénero, 1 técnico superior de Deseño e Amoblamento, 1 técnico superior de Xestión Forestale e 1 técnico superior de Administracións de Sistemas Informáticos en rede.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, puxo en valor este programa da Deputación “que permite aos nosos mozos e mozas poñer en práctica os seus coñecementos dun xeito tutelado e guiado e en proxectos reais que se están a desenvolver no concello”.

“De nada serve ter unha mocidade preparada e altamente cualificada se non se lles da a oportunidade de adquirir experiencia práctica que se lles pedirá para entrar, con garantías, no mercado laboral”. Nesa liña, Primeira experiencia profesional abre as portas para que “poidan adquirir eses coñecementos prácticos, complementarios aos seus estudos, e ao mesmo tempo, contribuír a desenvolver proxectos de interese para todas as veciñas e veciños”, puntualizou a alcaldesa redondelá.

As persoas interesadas deberán estar inscritas no SEPE (Servizo Público de Emprego Estatal) como demandantes de emprego e estar en posesión das titulacións requiridas. Amais é requisito imprescindible ter rematado os seus estudos nos tres anos anteriores á data de solicitude, non ter experiencia profesional ou formativa na mesma actividade dentro dun concello máis de tres meses ou non estar contratadas en prácticas, no momento da selección, nalgún dos programas da Deputación de Pontevedra.

O sistema de selección será o de concurso valorándose o expediente académico, posesión doutras titulacións académicas relacionadas e a formación complementaria recollida na convocatoria. Unha vez finalizado o proceso de selección, as persoas contratadas terán un contrato formativo de seis meses prorrogable por outros seis.