Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas homenaxea a Xosé Represas

Concello e veciñanza de Ponteareas renderán esta fin de semana unha sentida homenaxe ao seu anterior alcalde, Xosé Represas, cando acaba de cumprirse un ano do seu pasamento. “Queremos honrar a súa memoria e recordalo como era, unha persoa próxima e atenta, apegada á veciñanza, traballador incansable e capaz de dar solucións aos problemas do día a día para facer de Ponteareas unha vila mellor”, destaca a alcaldesa, Cristina Fernández Davila.

O acto terá lugar este sábado 11 de xuño a partir das 20.30 horas na Praza de Bugallal e contará coa actuación das bandas de música Reveriano Soutullo, Unión de Guláns e Xuvenil de Xinzo. Ademais, durante a homenaxe estrearase o pasodobre ‘Alcalde Represas’, obra do compositor ponteareán José Luis Represas, en cuxa interpretación participarán tamén a Coral Centro Artistico Sportivo e a Coral Santa Mª de Areas.

A rexedora convida a todos os veciños e veciñas a participar nesta homenaxe coa que amosar o seu cariño e agarimo a Xosé Represas, “unha persoa entrañable, querida e apreciada por todas e todos os ponteareáns” que destacou pola súa entrega e compromiso coa súa vila.