Domingo, 4 Maio de 2025

Escolares de Redondela transmiten ao Goberno local as súas propostas para tres proxectos de espazos de lecer que están en marcha

Digna Rivas subliña a “implicación dos mozos e mozas” e considera imprescindible a súa participación activa “á hora de achegar ideas e propostas sobre temas que lles afectan directamente”

O Consello Municipal da Infancia e Adolescencia de Redondela celebrou esta semana a súa segunda reunión plenaria do curso, xuntanza que estivo centrada na realización de propostas para tres proxectos de creación e remodelación de espazos de lecer que o goberno local vai levar a cabo nos próximos meses.

Voceiros e voceiras dos CEIP Alexandre Bóveda, Porto Cabeiro, Quintela, Reboreda e Santa Mariña e mais os IES Chapela, Illa de San Simón, Mendiño e Pedro Floriani, celebraron un pleno onde expuxeron as súas propostas e suxestións para a futura zona deportiva e de lecer de San Pedro de Cesantes, para a remodelación da zona deportiva de Chapela coñecida como “Campito” e mais para a zona deportiva que se vai construír anexa á Senda Verde, tamén en Chapela.

A alcaldesa Digna Rivas, na súa función de presidenta do Consello, xunto coa concelleira de Xuventude e Ensino, Olga García, así como representantes das ANPAS e máis dos grupos políticos da oposición –na súa condición de vogais adultos–, asistiron a este pleno para escoitar as voces da rapazada de Redondela. Dende os centros de ensino traballaron para propoñer as mellores ideas para o aproveitamento destes espazos públicos.

Ideas como dotar de fontes de auga os tres espazos, crear zonas de descanso con arboredos de especies autóctonas, instalacións pensadas para a infancia e a terceira idade, dotacións deportivas, parques caninos e aparcamentos para bicicletas son algúns exemplos das propostas que foron trasladadas durante esta xuntanza ao goberno local.

Tanto dende a representación do goberno, como dende os partidos da oposición e mais das ANPAS trasladaron a súa admiración e o seu agradecemento aos nenos, nenas e adolescentes alí presentes, e mais aos seus centros de ensino polo traballo realizado.

Digna Rivas asegurou que “Redondela pode estar orgullosa de contar cunha mocidade implicada, responsable e traballadora” e lembrou a importancia de “que mozos e mozas sexa os que decidan sobre aqueles proxectos que lles afectan directamente”.

A alcaldesa de Redondela lembrou que, dende a súa chegada ao Concello, “os Plenos da Infancia e Adolescencia deixaron de ser algo que se facía para ‘cubrir o expediente’ a constituírse en órganos activos de intercomunicación entre a mocidade e o Goberno local para facer chegar á Administración as necesidades do sector máis novo da poboación”.

As propostas da mocidade e a infancia, afirma a rexedora local redondelá, “son escoitadas con atención, tidas en conta e plasmadas en proxectos reais para uso e desfrute dos nenos e nenas”.

Cómpre salientar que neste Consello, a UNICEF tamén estivo presente e a súa representante amosou interese e mais satisfacción “polo traballo que está a realizar o Concello de Redondela a prol do dereito dos nenos e das nenas a participar na vida pública”. Esta preocupación do goberno local por escoitar a voz da infancia materialízase na celebración destes Plenos infantís, ao tempo que no apoio ao grupo de representación infantil e xuvenil do municipio, constituído baixo o nome de Axentes do Cambio. Redondela goza dende o ano 2018 da condición de Cidade Amiga da Infancia, distintivo concedido por UNICEF na súa valoración do deseño das políticas municipais para a mellora da vida dos nenos e das nenas.