A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela, dirixida por Iria Vilaboa, vén de dar a coñecer o programa das que serán as ‘II Xornadas de Muller e Igualdade «Gemma Pereira Otero», unha iniciativa, aposta persoal da alcaldesa Digna Rivas, que busca poñer sobre a mesa de debate todos aqueles temas que poñan en valor o papel da muller na sociedade e a súa loita por acadar unha igualdade real como único camiño para conseguir unha sociedade máis xusta.
Nesta segunda edición, as xornadas alongan o seu programa distribuíndoo en dous días, o venres 11 de marzo e o sábado 12 de marzo, datas nas que se porán sobre a mesa de debate dous interesantes temascomo o a autoxestión e o liderazgo feminino e o papel dos medios de comunicación fronte á lacra social que é a violencia machista.
As xornadas abriranse o venres 11 de marzo na Casa da Cultura onde, de 19 h a 21 horas, desenvolverase obradoiro 10 claves para emprender. Liderazgo feminino e autoxestión que correrá a cargo de Patricia Rodríguez, coach, mentora, especialista en actividades de team-building e Heidi Vander Biest, coach ontolóxico, mentora e especialista en PNL e intelixencia emocional.
As persoas interesadas poden inscribirse para este obradoiro, de xeito totalmente gratuíto, no enderezo de correo electrónico [email protected].
Ao día seguinte, sábado 12 de marzo, o Multiúsos da Xunqueira acollerá, entre as 10 h e as 14.30 horas outro obradoiro baixo o título Os medios de comunicación como axentes de cambio fronte á violencia machista que será impartido por Joshua Alonso Mateo, Promotor de Igualdade de Oportunidadese orfo da violencia machista e Patricia Costa, xornalista, presentadora do programa Tolerancia Cero en Radio 5 e gañadora da primeira edición do ‘Premio Sesé Mateo de Ética Xornalistica’. A inscrición pode realizarse no enderezo de correo electrónico [email protected].
Para unha maior facilidade á hora de inscribirse, no díptico das xornadas ámbolos dous obradoiros contan don senllos códigos QR que, a través dos dispositivos móbiles, abren directamente o formulario de inscrición.
A alcaldesa Digna Rivas quen chamou a atención “sobre o éxito de participación” da primeira edición destas xornadas, salientou a importancia de darlle continuidade a unha iniciativa que sirve para poñer o foco de atención “sobre o papel da muller na sociedade” e a importancia que ten a igualdade “para acadar unha sociedade máis xusta”.
Gemma Pereira Otero, de quen toman o nome as xornadas “marca o punto de partida no que as mulleres, con grande esforzo e sacrificio, comezaron a facerse oco en profesións e actividades ata entón restrinxidas aos homes como, no caso dela, a farmacia”. As xornadas, engade Digna Rivas, “non só buscan perpetuar o nome desta muller senón que serven para poñer de manifesto que, sen igualdade entre homes é mulleres, é imposible falar de igualdade e xustiza social”.