Domingo, 4 Maio de 2025

Traballo en equipo e diversidade cultural, claves no intercambio en Croacia no que participaron 8 mozos de Ponteareas

Participaron no proxecto ‘Actúa localmente, pensa globalmente’, que busca sensibilizar á mocidade sobre a importancia da diversidade cultural

Grande experiencia a dos oito mozos do Servizo de Voluntariado do Concello de Ponteareas que estiveron na localidade croata de Malino participando no proxecto de intercambio xuvenil ‘Actúa localmente, pensa globalmente’ con rapaces de de 18 a 29 anos procedentes de organizacións locais de Turquía, Romanía, Grecia, Croacia e a República de Macedonia. Oito días de convivencia no que ademais de mellorar a súa competencia lingüística, fomentaron o traballo en equipo e o coñecemento da diversidade cultural.

Acompañados pola técnica da oficina de voluntariado municipal, Rocío Márquez, en colaboración coa Asociación Sociocultural Aporía, socia do proxecto, estes oito rapaces e rapazas aproveitaron esta estancia para intercambiaron experiencias e coñecer como é a mocidade en cada país, as necesidades que detectan, como funcionan os programas de intercambio con outros países e desenvolver propostas de participación xuvenil que se poidan aplicar en cada unha das localidades de residencia, creando sinerxías para proxectos futuros.

Durante a súa estancia, os mozos e mozas ponteareás mergulláronse nunha metodoloxía baseada na educación non formal, fomentando o diálogo intercultural, aprendendo de forma creativa e impulsando a reflexión persoal, sempre nunha contorna natural e ambientalmente sostible. Unha das actividades nas que participaron foi un taller de escultura, talla e gravación nos que os e as participantes achegaron o seu gran de area para crear un proxecto diverso e multicultural.

O concelleiro de Voluntariado, Miguel Bouzó, felicitou aos mozos e mozas por aproveitar ao máximo a experiencia, “unha oportunidade moi interesante para todas e todos eles”, e agradeceu o seu labor participando nas actividades que o Concello organiza ao longo de todo o ano.

O proxecto ‘Actúa localmente, pensa globalmente’ trátase dunha iniciativa financiada polo programa de mobilidade Erasmus+, que ten por obxectivo sensibilizar á mocidade participante sobre a importancia da diversidade cultural dentro das comunidades e os seus beneficios, potenciando iniciativas dirixidas a fomentar a tolerancia, a solidariedade e unha verdadeira inclusión social.