14.3 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorBaionaClausurado o Blue Atlantic Foro no Parador de Baiona

    Clausurado o Blue Atlantic Foro no Parador de Baiona

    A Economía Azul (Blue Economy) refírese ao desenvolvemento das economías de maneira sostible, de maneira que o uso que se realiza dos recursos naturais non supere a taxa de renovación dos mesmos, evitando hipotecar o planeta a futuras xeracións, recoñecendo ademais a importancia dos mares e dos océanos como motores da economía polo seu gran potencial para a innovación e o crecemento. En esencia, o concepto de crecemento azul trata de desvincular o desenvolvemento socioeconómico da degradación ambiental por parte dos principais usuarios dos océanos e as augas continentais. Entre eles inclúense sectores tradicionais como a pesca, a acuicultura, o transporte marítimo ou o turismo, pero tamén actividades novas e emerxentes, como a prospección biolóxica, as actividades de extracción dos fondos mariños ou a biotecnoloxía mariña.

    Para facer fronte a estes retos, o Foro ofreceu ao longo destes tres días unha perspectiva ampla desta economía azul pero abordada desde a óptica de tres ecosistemas como son o da pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo. O obxectivo era o de crear un espazo de cooperación, discusión, formación e difusión sobre a economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea, aliñando ademais cada unha das temáticas abordadas cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) definidos por Nacións Unidas dentro da Axenda 2030.

    Para iso presentáronse proxectos científicos e tecnolóxicos abanderados polos organismos académicos e de investigación da contorna como foi o caso de Sherpa do Mar, Blue BioLabs ou Alehoop por parte da UVigo; Cetaqua ou Pesca en Verde pola USC; Enhance Microalgae por Anfaco- Cecopesca e centros como CETIM, CETMAR, o IEO ou o IIM do CSIC. Deuse voz a iniciativas empresariais innovadoras como as de Capital Alga para a comercialización de algas; Ecocelta Galicia en Biofertilizantes e xestión ambiental; CEAMSA para a produción de hidrocoloides naturais; AMSlab para solucións analíticas; Biomar na colección de microorganismos; Bioprana para solucións de intelixencia natural de microorganismos; Hijos de José Rivera co seu MEGA; A Taberna Ou Lecer; EcoAdega Cociña Mercado ou o propio Parador de Turismo de Baiona coas súas decididas apostas polos produtos do mar na súa oferta gastronómica ou Festival Barbeira Sexa Son Fest. Ademais destas iniciativas privadas, deuse voz a outras de carácter colectivo ou asociativo, como é o caso da Asociación de Mariscadoras de Carril, ORPAGU, FEDEPESCA, a Confraría de Pescadores de Redondela, a D.O.P. Mexillón de Galicia Presentáronse tamén distintas iniciativas para aceleración de empresas e iniciativas emprendedoras cun carácter sectorial, como é o caso de TurisLab no ámbito do turismo ou ASPAN ao redor dos portos. Outros axentes con voz no foro foron medios especializados como a revista A Alacena Vermella, o asesor gastronómico Ivan Méndez ou a aquaperiodista Meyling Tang. Contouse ademais con diferentes axentes que presentaron liñas de apoio e financiamento a proxectos de Economía Azul, como foi o caso de AbancaMar, o propio GALP Ría de Vigo-A Guarda, o IGAPE, a Consellería do Mar, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela para as iniciativas de Erasmus+ ou Turismo Rías Baixas. Por último, e non por iso menos importante, contouse cunha importante presenza institucional, como é o caso dos alcaldes de Baiona ou Gondomar, o D. G. de Ordenación e Promoción Turística do Gobierno de Canarias co seu proxecto Mar de Todos e EcoAreas, a D.X. de Desenvolvemento Pesqueiro ou a Mancomunidade Barbanza Arousa e representación sectorial cos clústers galegos de Turismo e de Ciencias da Vida – BIOGA ou da propia PescadeRias. Un cartel de luxo para un gran evento ao redor da Economía Azul… Esta ampla presenza buscaba representar aos catro eixos fundamentais nos novos modelos de innovación aberta, como son os centros de coñecemento e ensino, a Administración, o tecido empresarial e a sociedade en xeral, para promover a colaboración e lle creación de sinerxias, neste caso no ámbito da Economía Azul.

    As ideas forza do Foro foron a importancia de reorientar as actividades produtivas cara a modelos máis sostibles e máis respectuosos co medioambiente; o consumo responsable e a promoción do produto quilómetro cero para a redución da pegada de carbono; a importancia da economía circular e a reincorporación dos byproducts no proceso produtivo para a xeración de novos produtos; os novos modelos de turismo experiencial que poñan en valor o rico patrimonio natural, cultural e inmaterial dos territorios costeiros; a necesidade de desestacionalizar o turismo para reducir a presión sobre os recursos e xerar actividade económica máis estable; mellorar a accesibilidade e o carácter inclusivo do turismo para ofrecer oportunidades para todos; a importancia de minimizar a burocracia e axilizar os trámites administrativos para permitir unha posta no mercado de novos produtos e servizos máis rápida; a capacidade para xerar sinerxias e promover a cooperación entre axentes públicos e privados para emprender iniciativas máis ambiciosas ou a necesidade de innovar e de dotar dun carácter diferencial á proposta de produtos e servizos.

    En clausúraa do Foro, o alcalde de Baiona Carlos Gómez destacou a importancia da primeira edición deste Foro, con relatorios de alto nivel e cunha ampla participación no mesmo, agradecendo ademais o apoio de institucións, como o GALP Ría de Vigo-A Guarda, a Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia ou do sector privado. Esta iniciativa do Blue Atlantic Forum evidencia a estratexia de colaboración dos municipios do Val Miñor (Nigrán, Gondomar e Baiona) e confirma o seu compromiso e aposta pola economía azul. Finaliza así esta primeira edición, pero iníciase xa a preparación da segunda edición, que se celebrará os días 19,20 e 21 de outubro de 2022.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.