Sábado, 3 Maio de 2025

A charla coloquio #TIÉSCAPAZ, abriu onte o programa de actividades do 25N en Redondela

A iniciativa, que se desenvolveu ás 18:00 horas no multiúsos da Xunqueira, busca poñer o foco de atención sobre a prevención da violencia de xénero que sofren as mulleres con diversidade

A charla coloquio #TIÉSCAPAZ, organizada pola Concellería de Igualdade que xestiona Iria Vilaboa e que tivo lugar na tarde do martes, 23 de novembro no Multiúsos da Xunqueira ás 18:00 h, abriu o programa de actividades que o Concello redondelán desenvolverá con motivo do 25N Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

Tratábase, sinala Iria Vilaboa, de poñer o foco de atención “sobre o colectivo de mulleres con diversidade funcional como vítimas da violencia machista”. Os datos, subliña a concelleira, falan por si sós xa que “o 40,4 % de mulleres con diversidade funcional sufriu algún tipo de violencia por parte da súa parella, fronte ao 31,9 % de mulleres que non teñen dita diversidade” datos que seguen sendo relevantes no contexto da violencia física o sexual na que as mulleres con diversidade funcional supoñen un 20,7 % fronte ao 13,8 % das mulleres que non a teñen.

A charla coloquio de hoxe tiña, polo tanto, non só a finalidade expoñer os problemas e os perigos aos que se enfrontan as mulleres con diversidade funcional no contexto da violencia machista, senón tamén visibilizar e fomentar accións se sensibilización social da prevención da violencia de xénero sobre este colectivo.

Trátase dun colectivo especialmente vulnerable, afirmou a alcaldesa Digna Rivas, e polo tanto “é preciso poñer nas súas mans todas as ferramentas precisas que contribúan ao seu empoderamento e, ao mesmo tempo, que coñezan os recursos que as administracións poñen a súa disposición nos casos de violencia de xénero”.

Tanto Iria Vilaboa como Digna Rivas insistiron na necesidade de desenvolver iniciativas, como a de esta tarde, que chamen “á concienciación social en materia de igualdade como xeito de previr as condutas violentas contra as mulleres, especialmente as violencias sexuais que teñen aumentado nos últimos tempos” .