Sábado, 3 Maio de 2025

Mondariz abre a inscrición para o ‘escape room’ «Rexeita o maltrato»

O Concello de Mondariz inclúe esta actividade dirixida á mocidade na súa programación cultural de novembro para concienciar sobre a violencia de xénero en vésperas do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller

O 20 de novembro, a partir das 19:30 horas, a Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) do Concello de Mondariz organiza unha actividade gratuíta de escape room para mozos e mozas na Praza de Abastos da localidade, coa violencia de xénero como tema principal.

“Tendo en conta que o 25 de novembro é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, esta actividade serve para concienciar á mocidade a través do xogo”, sinala Anxos Carballo, concelleira responsable de Cultura, Igualdade, Educación e Mocidade en Mondariz.

O escape room é un xogo de investigación e escapismo por equipos. No pasado mes de agosto, Mondariz xa acolleu un escape room urbano na Praza de España sobre mulleres na historia, e agora volve repetir a experiencia da man da empresa “Territorio Comanche”, que é unha referencia no deseño destas actividades de aventura.

O prazo de inscrición para participar no escape room do 20 de novembro en Mondariz xa está aberto. Os equipos deben estar formados por entre 3 e 5 persoas con idades comprendidas entre 13 e 18 anos, aínda que as menores de 13 tamén poden participar se van acompañadas dunha persoa adulta. Os equipos deben inscribirse na OMIX de Mondariz a través de teléfono (680 964 461) ou correo electrónico ([email protected]) antes do 17 de novembro.