Domingo, 4 Maio de 2025

Sés porá a nota musical no programa “Novembro Lila”

O concerto da cantautora galega Sés porá a nota musical da programación “Novembro Lila” deseñada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller do Concello de Baiona.

O auditorio municipal V Centenario de Baiona acollerá o próximo 6 de novembro ás 19:30 horas o concerto de Sés. A artista galega presentará durante o evento o seu novo traballo discográfico ‘Liberar as arterias’. O seu sétimo traballo discográfico repleto de cancións de propia autoría.

O evento forma parte dunha ampla programación de actividades deseñadas pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, “Novembro Lila”, un programa deseñado para dar visibilidade á violencia machista coincidindo con motivo do 25 N, día internacional contra a violencia de xénero. Trátase dunha programación que abarcará todo o mes de novembro e contará cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres. A programación completa presentarase no Salón de Plenos do Concello de Baiona, o vindeiro venres, 29 de outubro ás 12:00h, onde se desvelarán outras novidosas actividades que se idearon para a edición 2021 do “Novembro Lila”.

Esta programación vai un paso máis aló da estética dunha pancarta que berra “Non á violencia”, quérese entrar na cabeza do público para facelo reflexionar sobre a problemática da violencia machista e a desigualdade entre homes e mulleres, adaptándose ás diferentes idades do público xa que haberá actividades variadas para toda a cidadanía.

O concerto é gratuíto e é necesaria a retirada da entrada previa para poder garantir o cumprimento dos aforos. Desde a Concellería informarase que a partir do 30 de outubro  poderanse reservar as localidades para o evento  a través do calendario da páxina web municipal do Concello de Baiona: www.baiona.gal/calendario.

A apertura de portas para acceder á zona de concertos será unha hora antes, ás 18.30 horas, e a Concellería advirte que será necesario acudir con, polo menos, 15 minutos de antelación. Na entrada do auditorio será necesario ensinar o código QR que se xenera ao inscribirse.

Con respecto ao cumprimento do protocolo Covid, será obrigatorio o uso de máscara, haberá un punto de desinfección de mans no acceso ao recinto e o público, que non poderá introducir comida ou bebida, deberá permanecer sentado no lugar asignado pola organización.

O vindeiro venres,  29 de outubro ás 12:00h, se desvelarán outras novidosas actividades que se idearon para a edición 2021 do “Novembro Lila”. Unha completa programación que se desenvolverá ao longo de todo o mes de novembro, unha aposta do Concello de Baiona por visibilizar a loita contra a violencia machista, unha gran aposta do equipo de goberno.