Os nenos da Escola de Verán do Concello de Baiona, cuxo programa se desenvolve no CPI Cova Terreña, acudiron á praza de abastos da vila acompañados polas súas monitoras, polo alcalde, Carlos Gómez, e a concelleira de igualdade, Yasmina Moreira.
Os participantes no programa de conciliación coñeceron de primeira man as características do mercado municipal e os produtos e servizos que alí se ofertan. Moi atentos asistiron ás explicacións dos propios comerciantes que alí teñen os seus negocios. Os curiosos visitantes fixeron preguntas en grao sumo interesantes aos placeiros. Mesmo participaron nunha cata improvisada de queixos para coñecer o produto local.
Esta actividade está enmarcada na programación da escola que deseñou un programa de actividades de lecer e tempo libre, previamente programado, para que os máis pequenos gocen do verán e coñezan distintos lugares da localidade na que residen.

Semanalmente está programada unha saída, esta semana foi a quenda de coñecer a praza e o seu funcionamento, e ao longo destas semanas visitarán o museo flotante da Carabela Pinta, a Casa da Navegación….
A Escola de Verán do Concello de Baiona foi organizada pola Concellería de Igualdade, que ten como obxectivo principal “facilitar ás familias do municipio un recurso para conciliar a vida laboral, persoal e familiar, establecendo un servizo sociocomunitario que mellore a calidade de de vida do territorio, potenciando ademais a optimización de recursos a través da utilización dos centros educativos municipais fose do horario lectivo”.