O PSdeG-PSOE da provincia de Pontevedra celebrou o seu Comité Provincial, máximo órgano de Congresos, nun acto que tivo lugar nos xardíns da UNED en Pontevedra. As e os socialistas da provincia convertéronse así nos primeiros de Galicia en reunirse presencialmente este ano e comezaron, deste xeito, a preparación das próximas Eleccións Municipais a un ano e medio vista. O obxectivo é reeditar o éxito de 2019, cando as candidaturas socialistas acadaron case 200.000 votos e 23 alcaldías.
O comité, que comezou cun minuto de silencio polo recente pasamento da deputada autonómica Isaura Abelairas, comezou coa intervención do secretario xeral provincial, David Regades, quen aludiu ás enquisas “publicadas e non publicadas” que vaticinan unha nova vitoria do PSdeG nos próximos comicios municipais. “Temos a Feijoo moi nervioso, dedicándose a facer oposición ás nosas alcaldesas e alcaldes, á Deputación de Pontevedra e ao Goberno de España; e faino porque sabe que nós gobernamos con igualdade, sen mirar a cor política dos concellos, senón á cara da xente, un cambio que se nota especialmente na Deputación”.

“
David Regades: “…nós gobernamos con igualdade, sen mirar a cor política dos concellos, senón á cara da xente, un cambio que se nota especialmente na Deputación”
Regades fixo un chamamento ás case 3.000 persoas que militan no partido na provincia “para acordar e sumar sempre, sen restar a ninguén” nos procesos orgánicos que veñen. E neste senso destacou que os tres anos de mandato da actual Executiva Provincial estiveron presididos “pola busca constante da unión e o consenso”. A este respecto, o Comité Provincial serviu tamén para anunciar a incorporación á Executiva Provincial de Fini Silva.
O secretario xeral pontevedrés aludiu tamén ao impulso das políticas industriais na provincia “que levan o ADN do PSdeG pontevedrés, como demostra a aprobación do primeiro “proxecto tractor” para o “vehículo conectado” ou o desbloqueo “despois de 20 anos co PP e Feijoo mirando para outro lado” da PLISAN. Ao respecto de ENCE incidiu na política de brazos cruzados da Xunta “cunha empresa que está en terreos prestados polo mar” e pendente dunha resolución xudicial e volveu remarcar que os intereses dos/as traballadores/as de ENCE nada teñen que ver cos de Feijoo.

A presidenta da Deputación Carmela Silva reivindicou o traballo que fan as e os socialistas dende o poder institucional que lles outorga a cidadanía: “Sinto orgullo polo que temos feito pola transformación desta provincia en só seis anos, dende as Alcaldías e dende a Deputación; a esta provincia non hai quen a coñeza, sobre todo en comparación cos 40 anos de caciquismo absoluto do Partido Popular”. “As e os socialistas levamos a cabo transformacións, cando gobernamos, como ningún outro partido”.
Silva engadiu que o PSdeG-PSOE é referencia de políticas de progreso “e ten un discurso propio e moi diferente ao dun Partido Popular e unha Xunta que ven a esta provincia como un territorio inimigo, en lugar de vela como o que é, o motor económico de Galicia”. Ademais, a presidenta da Deputación criticou o uso caciquil do Partido Popular da institución da Xunta de Galicia desviando investimentos públicos a concellos gobernados polo Partido Popular.
A presidenta da Deputación tamén recibiu o apoio público de David Regades para expresarlle o cariño de todo partido tralos insultos machistas contra ela por parte do alcalde de Vilanova, Gonzalo Durán. Regades subliñou que Durán “é un home condenado e non pode seguir nin un minuto máis no cargo; ten que ir para casa” e criticou ao presidente da Xunta por darlle cobertura.
O comité provincial concluíu coas intervencións do secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, quen tamen apelou á necesidade da unión entre tódala militancia, respectando “os debates de argumentos”, e cos informes de actividade no Congreso dos Deputados, a cargo de Guillermo Meijón, e no Parlamento de Galicia, por Paloma Castro.