13.9 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO ORAL constata a crecente concienciación cidadá no pago das multas de...

    O ORAL constata a crecente concienciación cidadá no pago das multas de tráfico

    A porcentaxe de expedientes pechados en período voluntario nos 32 concellos coa tramitación delegada crece este ano 11 puntos con respecto ao balanzo de 2020

    Imaxe de arquivo das novas instalacións do ORAL

    Un total de 9 de cada 10 multas en materia de tráfico e seguridade viaria interpostas pola Policía Local dos 32 concellos da provincia que teñen delegada a tramitación e a recadación ao ORAL se pagan durante o período voluntario. Así, ata un 90,2% dos expedientes tramitados no que vai deste ano 2021 remataron co pago dentro do primeiro prazo. O incremento na voluntariedade no abono das sancións, ata alcanzar estas cifras de máximos históricos,  atribúese  á crecente concienciación por parte da veciñanza, que entende o labor policial como garantía de respecto pola seguridade viaria. Amais, a tendencia de crecemento na voluntariedade dos abonos nótase por igual nos 32 concellos que teñen delegada esta competencia no servizo da Deputación.

     O ORAL, dentro do seu proceso de mellora continua na atención aos concellos, puxo en marcha durante o pasado ano un sistema electrónico a gravación das denuncias por parte das policías locais e o seu envío telemático ás oficinas a través de dispositivos portátiles. Esta mellora simplificou a tramitación administrativa das sancións e, por tanto, a axilización das notificacións ás persoas que cometen as infraccións. Ao longo deste ano, con datos pechados o pasado 31 de maio, iniciáronse un total de 9.975 expedientes sancionadores, dos se cobraron voluntariamente 8.835, o que representa o 90,2%. Durante todo o ano pasado tramitáronse 13.188 sancións, das que 10.470 remataron co pago en período voluntario (79,3%). O crecemento na voluntariedade  crece, por tanto, en case 11 puntos porcentuais.

    Máis da metade dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia confían no ORAL para a xestión das súas sancións de tráfico, aínda que se sumamos as delegacións para a recadación de impostos e/ou taxas municipais o número de concellos adheridos crece ata os 54.

    O ORAL vén de publicar a súa Memoria anual, co resultado de que o 89,4% dos recibos correspondentes aos padróns do exercicio 2020 cobráronse durante a anualidade, o que supuxo un incremento de tres puntos porcentuais con respecto ao ano anterior. A efectividade nos cobros foi aínda maior no padrón do Imposto de Bens Inmobles (IBI), a principal figura tributaria municipal, alcanzando o 91%, e no Imposto de Actividades Económicas (IAE), cun 92,6%.

    Co ánimo de mellorar a atención ao público, o ORAL vén de estrear unhas modernas instalacións en Pontevedra con oito puntos de atención integral, nos que é posible realizar todo tipo de trámites. Ademais, durante o pasado ano inaugurou unha nova oficina en Tui e está a realizar melloras noutras sedes. A rede do ORAL, cos seus 23 centros de atención por todo o territorio provincial, atende anualmente de xeito presencial, telefónico e/ou telemático a case medio millón de persoas dos 54 concellos delegantes.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.