13.4 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaArboA Festa da Lamprea de Arbo conta co apoio da Deputación con...

    A Festa da Lamprea de Arbo conta co apoio da Deputación con accións promocionais durante todo o ano

    A institución provincial pon en valor a festa, declarada de Interese Turístico Nacional, e os recursos naturais e patrimoniais que ofrece a vila para visitala durante todo o ano

    A Deputación de Pontevedra está a promocionar durante todo este ano a Festa da Lamprea de Arbo, unha das grandes celebracións gastronómicas de Galicia e declarada en 2016 de Interese Turístico Nacional. Malia que este ano non poido festexarse como é tradición desde 1961 polas restricións sanitarias ás que obriga á COVID, a institución provincial quere reafirmar o seu apoio a esta festa senlleira e a Arbo como un dos lugares a visitar durante os doce meses no destino Rías Baixas – Pontevedra Provincia.

    Concretamente, a Deputación aporta unha axuda de 6.000 euros destinada á inserción de publicidade nos medios de comunicación para promocionar a festa, así como á elaboración do vídeo deste grande evento que, en condicións normais, atrae a Arbo a milleiros de persoas a finais de abril para degustar a exquisita lamprea do Río Miño. 

    A institución tamén está a respaldar a festa a través de publicacións nas redes sociais provinciais para reforzar o intenso traballo que o Concello de Arbo está a desenvolver en materia de promoción turística nas súas canles, tanto no que respecta á festa, como de todos os atractivos naturais, patrimoniais, culturais e gastronómicos da vila. O obxectivo da Deputación é promocionar as visitas a Arbo durante todo o ano. As redes sociais de Turismo Rías Baixas publican contidos con regularidade sobre os atractivos da vila e a comarca da Paradanta, e apoian tamén o traballo que desde as súas canles realiza o Concello. A Festa da Lamprea, que exalta este prehistórico peixe con 500 millóns de anos de antigüidade, é un dos grandes reclamos festivos da provincia. O apoio reafirma o compromiso da Deputación de Pontevedra coas festas de interese turístico que se celebran nas Rías Baixas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.