Domingo, 4 Maio de 2025

SmartPeme pon en marcha esta próxima semana outros seis obradoiros online

Ata o 24 de xuño o programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre optimización de anuncios de aloxamentos e experiencias en Airbnb, Onshape, vídeo márketing, Prestashop e Google Adwords

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana seis novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre a optimización de anuncios de aloxamentos e experiencias en Airbnb, debuxo con Onshape, vídeo márketing, creación de tendas en liña con Prestashop e creación de campañas con Google Adwords.

Este martes 22 impartirase o obradoiro “Optimización de anuncios de aloxamentos en Airbnb”, a cargo de Carla Moreno, market manager dos aloxamentos Airbnb en España e Portugal; e, a continuación, “Debuxo con Onshape, Assembly I”, da man do experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D Manuel Freire.

O mércores 23, cita para “Optimización de anuncios de experiencias en Airbnb”, impartido por Federica Petruccio, market manager das experiencias Airbnb de España e Portugal; e para “Vídeo márketing I – Contido audiovisual, a última tendencia”, con Lara Taboada, experta en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico. Xa pola tarde, volverá Lara Taboada con “Crea a túa tenda en liña con Prestashop II: personaliza a túa”.

Para finalizar a semana, o xoves 24, será a quenda de “Introdución a Google Adwords” a cargo María Aller, posgraduada en Comunicación Corporativa, quen introducirá os conceptos básicos de Google Ads para crear unha campaña de xeito adecuado.