Sábado, 3 Maio de 2025

O Pleno de Redondela aproba “por razóns de interese público” a continuidade do contrato do servizo de limpeza

O Grupo Municipal Socialista lamenta “a política do non polo non” do PP en contraposición coa “coherencia” que o BNG sempre amosou neste tema


O Pleno da Corporación Municipal de Redondela aprobou dar continuidade ao contrato do Servizo de Limpeza dos edificios, dependencias e espazos municipais, logo que no mes de maio o grupo municipal do PP, e en dous plenos, votase en contra tanto da continuidade do servizo coma dos pregos polos que se tería que rexer a nova contratación.

Cómpre salientar que no 2016, con Goberno do PP, aprobábase en Pleno a contratación do servizo de limpeza por un período inicial de dous anos máis dúas prórrogas dun ano cada unha delas. Daquela, o PSOE abstíñase para que o contrato puidera saír adiante e “non bloquear a prestación dun servizo imprescindible para a cidadanía”, lembra Digna Rivas.

Neste mes de maio, o Goberno local levaba a pleno a aprobación dos pregos polos que se rexería a contratación do servizo e a continuidade do mesmo en tanto non se aprobasen os anteditos pregos, punto que contou, en dous ocasións consecutivas, co voto en contra dos populares pese a que os pregos eran similares, ainda que mellorados, que os presentados polos populares no 2016.

O Grupo Municipal PSdeG-PSOE denunciou a actitude do Partido Popular que, cando gobernaban, votaba a favor da contratación do servizo e agora, “coa máis absoluta irresponsabilidade, impediron por dúas veces que o Goberno local puidera sacar adiante os pregos para a súa concesión”.

A postura do PP, apuntan os e as socialistas, “de claro oportunismo político e de, unha vez máis, intentar bloquear ao Goberno sen pensar nas consecuencias que poida sufrir a veciñanza, choca de fronte coa coherencia do BNG que, dende sempre, se manifestou favorable á remunicipalización do servizo de limpeza, sempre votaron en contra e seguen mantendo a súa postura”.

O máis sangrante, “é que agora o PP, unha vez que se da conta de que a súa negativa pon en grave risco á saúde veciñanza, opte pola ‘fuxida cara adiante’ e queiran aparecer como salvadores dun servizo de limpeza que estiveron boicoteando dende hai tempo”.

Tan penosa como esta actitude, afirma Digna Rivas, é o feito “de opoñerse insistentemente á aprobación dos pregos de contratación do servizo pero, ao mesmo tempo, sen poñer ningunha alternativa, proposta ou solución enriba da mesa. E a máis clara definición do non polo non”.

En todo caso, Rivas quere transmitir á veciñanza unha mensaxe de tranquilidade ao asegurar que “baixo ningún concepto e pese a quen pese, Redondela quedará sen servizo de limpeza” e lembrou a alcaldesa socialista, que ese servizo e imprescindible para a cidadanía xa que se está a falar da limpeza dos colexios, dos pavillóns de deportes, do conservatorio, do multiúsos, “de espazos públicos utilizados pola veciñanza e que, nestes tempos dunha pandemia que aínda segue aí, precisan dunha limpeza reforzada”.

O Grupo Municipal do PSdeG-PSOE non dubida que “a irresponsabilidade” dos populares quedará novamente patente cando se trate o tema do SAF (Servizo de Axuda no Fogar) aínda que adiantan que se manterán “todas as reunións que sexan precisas para poder sacar adiante outro dos servizos imprescindibles para a cidadanía e que atente ás persoas máis vulnerables”.