A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana tres novas accións formativas impartidas de xeito online, da carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións dan continuidade ás de semanas anteriores, e versan sobre como mellorar a produtividade con Trello e outras aplicacións; a optimización de páxinas web para gañar visibilidade e debuxo con Onshape.
En concreto, este martes 8 impartirase o obradoiro “Mellora a túa produtividade con Trello e outras aplicacións II”, no que a posgraduada en Comunicación e Industrias Creativas Fátima Faílde introducirá outras ferramentas como Evernote, Todoist, Toggl e Slack para mellorar a produtividade.
O mércores 9, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual, impartirá “Iniciación ao SEO II: optimiza a túa páxina web para gañar visibilidade”, obradoiro que tratará sobre os factores externos que afectan ás páxinas web e que inflúen no seu posicionamento para despois afondar nas mellores prácticas SEO.
Para finalizar, o xoves 10, “Debuxo con Onshape, partstudio IV”, onde Manuel Freire, experto universitario en Robótica e Impresión 3D, falará deste software de debuxo 3D na nube.