Sábado, 3 Maio de 2025

O BNG do Porriño mantén a súa aposta pola contorna do río Louro

A concellaría de Urbanismo do Concello do Porriño, dirixida polo nacionalista Pedro Pereira, vén de chegar a un acordo para a compra de 20.000 m2 de terreo na contorna do río destinados a crear unha gran zona verde no Porriño. Con esta iniciativa o BNG porriñés mantén a súa aposta polo incremento das zonas verdes, algo que forma parte do modelo de vila que sempre defendeu a formación nacionalista.

O BNG lembra que na súa anterior etapa de Goberno “abrimos as sendas peonís polo Louro e agora a concellaría de Urbanismo dirixida polo nacionalista Pedro Pereira vén de investir na compra de parcelas próximas ao río como primeiro paso para recuperar un entorno de gran valor ambiental”. -Serán preto de 20.000m2 “que permitirán crear unha importante zona verde e de lecer tan necesaria para o centro urbano”.

Matadoiro

En todo o caso o BNG salienta que a recuperación integral do río Louro para a veciñanza, “non será completa mentres o matadoiro permaneza na súa localización actual. Chegou o momento de afrontar un debate de tanta importancia para o futuro do Porriño”. ç

Aseguran os nacionalistas que o desenvolvemento urbanístico do Porriño “non pode estar condicionado por unha localización que a día hoxe non atende a ningún criterio lóxico. Nin desde o punto de vista medio ambiental nin pola súa proximidade con tan importante núcleo de vivendas”.

Por este motivo, dende o BNG faise un chamamento á empresa , axentes sociais e ao conxunto das administracións públicas “para iniciar canto antes unha negociación que permita o traslado do matadoiro a un lugar máis acaído”.