Sábado, 3 Maio de 2025

A alcaldesa de Mos anuncia un Plan Municipal de Apoio á Hostalería

Inclúe una liña de axudas para compensar aos hostaleiros que quedaron fóra do Plan de Rescate da Xunta e outra de subvencións directas aos 75 negocios do sector existentes en Mos

O sector que está a ser o gran damnificado pola crise da Covid-19, o da hostalería, está a sufrir agora no municipio de Mos un novo varapalo derivado do nivel máximo de incidencia no que se atopa o Concello e que o vindeiro sábado obrigaralles a pechar de novo as súas portas.

É por elo que na sesión da Comisión de Seguemento da Evolución da COVID-19 en Mos, celebrada onte ás 14.00 horas, decidiuse a posta en marcha dun Plan Municipal de Apoio á Hostalería mosense. Sobre o devandito plan a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou de que se trata dun programa que inclúe una liña de axudas para compensar aos hostaleiros que quedaron fóra do Plan de Rescate da Xunta de Galicia e outra de subvencións directas aos 75 negocios do sector existentes en Mos.

A primeira das liñas, destinada a completar o plan autonómico para que chegue ao 100% dos hostaleiros mosenses, está dotada de 25.000 euros.

A segunda liña contempla axudas directas de 1.000 euros aos 75 hostaleiros de Mos, sumando 75.000 euros.

Entre ambas liñas o Plan Municipal repartirá un total de 100.000 euros que pretenden “facer unha contribución a supervivencia destes negocios que tan mal o están a pasar desde o comezo da pandemia e que ahora, con este novo peche a nivel local, atópanse xa desesperados, como é lóxico”, comentaba a rexedora.

A alcaldesa insistiu “na vontade de apoiar aos negocios hostaleiros con este novo plan e darlles un pulo para lograr saír desta crise derivada da COVID-19, -que en Mos se acrecenta con esta situación de nivel máximo que estamos a vivir-, e tentar recuperarse deste novo varapalo que voltan a sufrir co peche das súas portas ao público desde o sábado”.

“En momentos de crise coma estes queremos axudalos e apoialos, por iso decidimos desde a administración local mosense poñer en marcha esta ferramenta coa que queremos aportar positivismo á tan damnificada hostelería”, concluíu Arévalo.

Cómpre lembrar que desde o Concello de Mos xa se decidira tamén o ano pasado a exención de taxas de auga, lixo e vaos como apoio municipal polo peche temporal da hostelería e que se aplicou de oficio a todos os negocios mosenses deste sector.

A exención fíxose efectiva no primeiro recibo do ano 2021 e non tivo que ser solicitada expresamente polos titulares.