Sábado, 3 Maio de 2025

A veciñanza de Ponteareas pon en marcha unha iniciativa civil para o recoñecemento institucional do Concello á figura de Xosé Represas

A veciñanza de Ponteareas vén de poñer en marcha unha iniciativa de cara a conseguir un recoñecemento institucional do Concello á figura de Xosé Represas. A iniciativa –que recolle sinaturas na web www.change.org– xurde para activar ese proceso de institucionalización, porén o obxetivo será que a corporación do Concello de Ponteareas incorpore nunha orde do dia das súas reunións plenarias un punto para o debate sobre a forma en que se debe producir ese recoñecemento público.

Entre as as opcións válidas para levar a cabo este recoñecemento, explican as e os veciños promotores, caberían a de poñerlle o nome de Xosé Represas a unha rúa de importancia ou a unha praza; colocar un busto nalgún lugar significativo, unha placa conmemorativa, unha condecoración institucional tipo medalla ou distinción singular.

A figura de Xosé Represas condensa unhas capacidades, unhas actitudes e unha vontade exemplar para todo aquel que pretenda servir publicamente. A súa dimensión aumenta nos tempos políticos que estamos a padecer: diálogo máis alá da ideoloxía, procura de acordos entre diferentes, defensa do interese xeral, democratización das decisións políticas, promoción e participación dos responsábeis públicos na actividade social e cultural, defensa dos intereses municipais ante calquera institución ou interese particular, resistencia ante as adversidades, perseverancia e convicción, sacrificio persoal cando compre, en prol da sociedade representada.

Todas estas cuestións, chaves no proceso de modernización e rexurdimento da vila de Ponteareas, merecen un recoñecemento institucional. Para consolidar esa conduta, afianzar eses valores como guía para futuros responsábeis públicos, o Concello de Ponteareas debe asumir a tarefa de institucionalizar a figura de Xosé Represas, un veciño singular.