A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvementoe Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, reuníronse coas técnicos do Programa Integrado de Emprego nunha xuntanza de avaliación dos resultados obtidos polo programa ata o de agora e de programación das próximas accións a levar a cabo desde o mesmo.
Parece que a crise derivada da COVID-19 non frea a creación de emprego en Mos e o Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos leva a data de hoxe acadada unha porcentaxe de inserción do 45% cando se atopa no seu ecuador, ao ter comezado o 9 de novembro do ano pasadado e rematar o 8 de novembro do presente 2021.
A día de hoxe 45 dos 100 participantes do programa traballan ou traballaron desde o inicio e realizáronse xa un total de 22 accións formativas presenciais cun total de 1.062 horas.
Actualmente estase cursando un curso dirixido á obtención do Certificado de Profesionalidade de Operacións Auxiliares do Almacén, que comezou o pasado 13 de abril e prolongarase ata o vindeiro 28 de xuño. A acción formativa, que consta dun total de 210 horas, entre teóricas e prácticas en empresa, está a ser impartida por FormaLar. Precisamente ata as instalacións do Colegio Lar para saudar aos alumnos/as deste curso achegáronse o pasado luns a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Promoción Económica, Desenvolvementoe Empresarial, Emprego e Educación, Julia Loureiro. O curso iniciárono un total de 15 usuarios/as do PIE pero nestes intres continúan 11, ao terse insertado laboralmente os 4 restantes, ou ben con contrato xa definitivo ou ben en prácticas en diferentes empresas colaboradoras do Programa Integrado mosense.

Este curso é presencial e próximamente, concretamente o día 18 do presente mes de maio, empezará outro curso de Actividades Auxiliares de Almacén online. Á súa vez 28 usuarios están a realizar 2.270 horas de formación online e hai unha previsión de poder realizar outras 2.151 horas.
16 usuarios están realizando prácticas en empresas de diferentes sectores (industria, automoción e servizos).
Durante os meses de abril e maio 6 dos alumnos que realizaron o curso de Programación de robots industriais de 40 horas de duración , impartido pola empresa ubicada en Mos UNIMATE ROBÓTICA comezaron un periodo de prácticas no departamento de mantemento da empresa BENTELER AUTOMOTIVE VIGO nas plantas ubicadas en Mos e Valadares. Durante dúas semanas poderán consolidar os coñecementos aprendidos durante o curso e demostrar o seu interese e motivación pola robótica industrial.
Unha das persoas que xa rematou as devanditas prácticas incorporouse a traballar na pranta de Valadares.
“Deste xeito demostrase que o Programa Integrado de Emprego do Concello de Mos continúa co seu labor de mellora de competencias e asesoramento na busca activa de emprego a persoas desempregadas do municipio, que reciben tanto formación como sesións de orientación laboral persoalizada”, declararon as representantes municipais Arévalo e Loureiro.