Sábado, 3 Maio de 2025

Afectados de Mondariz pola restrición ao tráfico pesado na PO-254 demandan unha reunión urxente coas autoridades da Xunta

Á vista da confusión e do malestar que causaron os novos sinais de prohibición na estrada autonómica, o Concello de Mondariz convocou o pasado 3 de maio unha reunión con veciños e veciñas afectados para analizar a situación

Veciños e veciñas afectados pola recente restrición ao tráfico pesado que impuxo unilateralmente a Xunta de Galicia na estrada autonómica PO-254 ao seu paso por Mondariz-Balneario reuníronse este luns, 3 de maio, tras ser convocados polo Concello de Mondariz para analizar a situación e buscar vías de solución aos prexuízos causados por esta medida.

Entre a veciñanza representada houbo consenso en reclamarlle ás autoridades competentes a retirada dos sinais. Neste sentido, o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros, comprometeuse a solicitar unha entrevista co director da Agencia Galega de Infraestruturas para tratar este asunto canto antes.

Unha medida que afecta ao dinamismo económico do concello e a sua contorna

A nova restrición ao tráfico pesado apareceu nesta vía pública unha vez completadas as obras na ponte situada entre os concellos de Mondariz e Mondariz-Balneario, que estivo pechada durante varios meses por mor dunha renovación valorada en 1,4 millón de euros. 

Despois da reapertura da ponte, os sinais provisionais que limitaban a circulación de vehículos de máis de 3,5t continuaron instalados, provocando confusión entre a poboación. A esta sinalización sumouse outra que limita o paso de vehículos de máis de 20t de tara por esta estrada autonómica. O Concello de Mondariz contactou por vía telefónica coas autoridades competentes para exigir información sobre esta medida anteriormente non comunicada e transmitir o malestar existente, pero non recibiu unha explicación convincente sobre a pertinencia das restricións.

“Tanto Mondariz como outros concellos da contorna afectados directa ou indirectamente por estas restriccións na PO-254 veñen padecendo importantes caídas demográficas. Con esta decisión medran as dificultades para o xurdimento de dinámicas económicas que poidan reverter esta situación”, comenta o alcalde de Mondariz, Xosé Emilio Barros. 

“O gremio de transportistas é o máis afectado, pero esta restrición perxudica a outros servizos da localidade e dificulta o desenvolvemento económico de Mondariz e outros concellos da contorna, incluído Mondariz-Balneario”, sinala Barros.