A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de rematar coas obras de reforzo da seguridade viaria na estrada autonómica PO-552, no treito entre Tui e Tomiño, consistentes na eliminación dos seus tramos de concentración de accidentes grazas a un investimento, incluíndo as expropiacións e os servizos afectados, de 660.000 €.
Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, realizou esta mañá unha visita de supervisión nos tres puntos da actuación na compaña dos alcaldes de Tui e Tomiño, Enrique Cabaleiro e Sandra González, respectivamente.
O representante autonómico puxo en valor a importancia deste proxecto, “xa que nos permite seguir avanzando na estratexia da Xunta de eliminar no prazo máis curto os tramos de maior risco das estradas autonómicas e dotar de máis seguridade a unha vía cun tráfico denso e que discorre por moitos núcleos de poboación, beneficiando de xeito directo aos máis de 30.000 veciños de Tui e Tomiño”.

As obras realizadas consistiron, principalmente, na construción de dúas glorietas: unha no punto quilométrico 71+000 coincidindo co cruzamento da PO-552 coa PO-350 e outra no punto quilométrico 60+600 na actual intersección coa PO-344 de acceso ao casco urbano de Tomiño. Así mesmo, neste segundo punto dotouse un treito de 400 metros de lonxitude de cuñas de incorporación.
A terceira gran actuación deste proxecto acometeuse no punto quilométrico 69+150 cunha mellora da súa intersección a través do ensanchamento dos carrís centrais cunha modificación das marcas viarias e a renovación do firme.
Os traballos complementarios centráronse na reordenación dos pasos de peóns e o seu reforzo lumínico con detección de viandantes, o alumeado das glorietas con ata 44 báculos instalados nos seus aneis centrais, a creación de beirarrúas no perímetro das novas rotondas conformando un itinerario peonil seguro nestas contornas, a recolocación das paradas de bus e a dotación de seis marquesiñas, o reforzo e redeseño da sinalización e o balizamento con 108 fitos verticais e 425 captafaros de dobre cara, así como a extensión dunha nova capa de rodaxe en todos os tramos beneficiarios.

Durante a visita, o delegado territorial quixo destacar a “forte aposta” da Xunta de Galicia pola modernización das infraestruturas no Baixo Miño, xa que, ao remate desta obra, hai que engadir o impulso da Xunta ao novo treito da VAC, entre o polígono de Areas e a autovía A-55, que supón un investimento de máis de 21 millóns de euros. Así mesmo, referiuse á a renovación do firme e das sendas da PO-552 ao seu paso por Oia, O Rosal e A Guarda, que está en fase de contratación por 1,8 millóns de euros.
“Creo que un investimento de máis de 20 millóns de euros demostra claramente o compromiso do Goberno galego coas infraestruturas dunha bisbarra periférica á que queremos dotar das mellores condicións de mobilidade para seguir incrementando a calidade de vida dos seus máis de 50.000 habitantes”, significou Luis López.