Domingo, 4 Maio de 2025

O II Ciclo “Aida Fernández Ríos” arranca o xoves con dúas charlas centradas na contaminación por microplásticos

Esta primeira xornada contará con Carmen Pérez, catedrática en Ciencias Materiais, e Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias inician este xoves a segunda edición do “Ciclo Aida Fernández Ríos”, destinado a seguir achegando á cidadanía a importancia da ciencia, mediante dez relatorios ata o mes de xullo, en formato webinario ou semipresencial, e desde setembro con cinco charlas que se desenvolverán en centros educativos da provincia.

Esta primeira xornada estará centrada na contaminación por microplásticos e se desenvolverá ás 19.00 horas de xeito telemático. Carmen Pérez, catedrática de Ciencias de Materiais da Escola de Enxeñería Industrial da Universidade de Vigo, falará nunha primeira charla sobre “Os microplásticos, que son? A súa incidencia na sociedade actual”. E, a continuación, Jesús Gago, investigador do Instituto Español de Oceanografía no Centro Oceanográfico de Vigo, versará sobre “Microplásticos;  descifrando o seu impacto no medio mariño”.

As conferencias continuarán o xoves que vén, 6 de maio, con dúas novas intervencións sobre as “pandemias silenciosas”. Todas aquelas persoas que desexen asistir a estas charlas tan só teñen que encher unha solicitude de inscrición no sitio web da Deputación de Pontevedra (https://www.depo.gal).