A Deputación vén de lanzar nova imaxe para o proxecto ‘A maleta dos océanos’, a iniciativa que recompila recursos educativos abertos centrados no papel das mulleres na sustentabilidade do mar, que foi desenvolvida en colaboración co equipo da Universidade de Vigo que dirixe a profesora Mari Lires. “Seguimos adiante con este grande proxecto educativo”, explicou a presidenta Carmela Silva, que contará a partir de agora cunha maleta de madeira “máis durable” para continuar espallando “valores imprescindibles relacionados co papel que tiveron e teñen as mulleres do mar e tamén co uso responsable dos recursos mariños”.
Ata o momento ‘A maleta dos océanos’ chegou xa a 392 centros de toda a provincia, dende centros de educación infantil e primaria, ata institutos, centros de formación profesional, centros integrados, centros de educación especial ou colexios rurais. Amais, a maleta tamén viaxou a eventos e actividades como a xornada que organiza a Universidade de Vigo sobre o “Bo uso e mal uso do mar”, “cunha excelente acollida entre as e os futuras/os profesionais da educación”, e divulgouse en vilas como Vilanova ou Redondela e en xornadas online nas que participaron centros educativos de diferentes lugares da provincia.
A ‘Maleta dos Océanos’ trátase dun proxecto que inclúe seis propostas didácticas con temáticas diferentes e complementarias adaptadas a todas as etapas educativas e en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030. Conta como fío condutor a figura dunha nena investigadora chamada Emma, que guía e anima a rapazas e rapaces a afondar nos seis eixos temáticos da proposta: ‘Planeta azul’, para aprender sobre os océanos; ‘Océanos en perigo’, con información sobre a incidencia do cambio climático e a contaminación; ‘Mulleres redeiras, da salga e da conserva’; ‘O marisqueo a pe’, para aprender sobre as mulleres mariscadoras; ‘Investigadoras mariñas’ no que se recollen datos sobre pioneiras das ciencias mariñas e defensa dos océanos como Silvia Earle, Ángeles Alvariño, Aida Fernández Ríos, Elisabeht Mann ou Josefina Castellvi; e ‘Educación para a sustentabilidade’, onde se inclúen datos relativos ao desenvolvemento sustentable, termo acuñado nunha Comisión da ONU presidida pola doutora Grö Harlem Bruntland en 1987.