A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asesorará ao Concello de Covelo no desenvolvemento dunha nova bolsa de solo industrial no polígono das Medelas. Así llo trasladou, nunha reunión celebrada esta semana, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao alcalde, Pablo Castillo, quen indicou que en breve iniciará o estudo de viabilidade necesario para a plena incorporación da actuacións ao Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais. Nese sentido, Vázquez Mejuto ofreceulle a axuda e colaboración técnica do Instituto Galego da Vivenda e Solo para cooperar nos trámites necesarios.

A responsable de Medio Ambiente felicitou ao rexedor por impulsar o desenvolvemento de novo solo industrial para as empresas que pretendan asentarse neste concello e recordou que xa conta coa aprobación definitiva do plan parcial.
Na reunión tamén se abordou unha cuestión fundamental, como é a riqueza medioambiental do concello. Nese sentido, a conselleira e o alcalde analizaron os puntos de vista e as ferramentas normativas dispoñibles, de cara a establecer estratexias de protección do medio e a paisaxe, un traballo que se debe facer en base a unha planificación orientada a un futuro inmediato.