Luns, 5 Maio de 2025

Concello de Salvaterra e Xunta asinarán un convenio para a apertura e humanización da Rúa Galicia

O obxectivo é completar a vertebración do centro urbano coa apertura dunha nova vía, a rúa Galicia, que mellorará a mobilidade para os peóns e os vehículos, actuación que contará cun investimento de máis de 500.000 euros

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración co Concello de Salvaterra de Miño para a apertura e a urbanización da rúa Galicia, cun investimento autonómico de máis de 500.000 euros. No marco desta colaboración, a Xunta financiará as expropiacións dos terreos necesarios e a execución das obras. O Concello deberá realizar os trámites expropiatorios, redactar o proxecto, licitar e acometer os traballos.

O centro do núcleo urbano de Salvaterra de Miño vertébrase a través de varias rúas, cuxos treitos pertencen ás estradas autonómicas PO-409 e PO-400 e PO-432, xa transferidos ao Concello. O obxectivo do acordo hoxe autorizado é completar esta vertebración que o Concello promove coa apertura dunha nova vía no núcleo urbano, partindo da estrada PO-432, de titularidade autonómica.

Coa apertura do novo tramo proxectado, a rúa Galicia conectarase ás principais rúas do centro e mellorarase a mobilidade, tanto para os peóns como para os vehículos.

A urbanización da rúa Galicia implicará a apertura ao tráfico rodado e peonil dun novo treito viario urbano entre as rúas Curros Enríquez e Castelao, no inicio da estrada PO-432.

A intervención, unha vez executados o movemento de terras e a demolición de pequenas estruturas, prevé a instalación dos servizos públicos de abastecemento, saneamento, iluminación eléctrica e telecomunicacións, e a posterior pavimentación da vía.

Tamén se delimitarán as vías con bordo prefabricado de formigón e disporanse elementos para a recollida das augas pluviais. As beirarrúas pavimentaranse con lousa hidráulica sobre base de saburra e formigón.

O proxecto incluirá a humanización desta contorna coa plantación de árbores e a disposición de mobiliario urbano e sinalización.

Cambios de titularidade

A Xunta actuou nos últimos anos para mellorar a rede autonómica de estradas no concello de Salvaterra de Miño, configurando un eixe vertebrador formado polas estradas PO-510 e PO-400, así como as que o conectan con Portugal ao sur e coa A-52 ao norte.

A execución destas actuacións modificou a mobilidade do municipio, perdendo certos treitos de vías autonómicas o seu obxectivo de comunicación interurbana e pasando a ter funcionalidade urbana.

Neste sentido, a Xunta propón a transferencia a prol do Concello da totalidade das estradas Taboexa – Vilacova (PO-420); da que vai a Leirado (PO-430); a Salvaterra- Río Miño (PO–432) ou a que vai a Cabreira (PO-433), entre outras.

A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, por proposta da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como competente en materia de estradas.

Co cambio de titularidade, o Concello de Salvaterra de Miño terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.