Domingo, 4 Maio de 2025

Salvaterra é arte

Comeza o proxecto colaborativo entre o Concello de Salvaterra de Miño e o IES de Salvaterra para por en valor os espazos urbanos a través da arte.

A finais do ano pasado a alcaldesa de Salvaterra de Miño trasladáballe ao equipo directivo do IES Salvaterra unha proposta de traballo colaborativo que pretendía darlle cor aos espazos públicos da Vila e potenciar a súa vez a gran riqueza histórica e cultural do Concello.

Nesa reunión acordouse traballar  nun proxecto de acción a varios anos, co fin de por en valor varios espazos municipais, onde participa dun  xeito directo e activa o departamento de Arte do centro escolar.

O programa ten dous obxectivos fundamentais:  por unha banda, a colaboración e traballo directo cos Centros Educativos, e por outra, a implicación dos máis novos na valoración e recuperación dos entornos máis deteriorados da vila  a través de graffitis e pinturas, da que se encargarán os  alumnos e alumnas matriculados nestes intres en Debuxo Artístico.

O primeiro proxecto presentado por parte do centro, e que empezará a materializarse en poucos días,  está enfocado ao muro da pista de skate (na zona deportiva do Parque Público A Canuda). Un mural de máis de 30m que terá como eixo vertebrador o Pai Miño e que incluirá elementos representativos das 17 parroquias do municipio, ademais de outras imaxes que nos caracterizan como pobo, como pode ser o viño, a Eurocidade, a lamprea…

A alcadesa quere agradecer ao profesor de debuxo artístico o gran traballo feito, así como aos alumnos e alumnas que participaron no deseño do proxecto e que se encargarán de levalo a cabo, porque realmente plasma dun xeito moi orixinal o pasado e o presente do municipio.