Sábado, 3 Maio de 2025

A Alcaldía do Porriño denega un pleno extraordinario solicitado polo PP “ao non constar acrecitada a autenticidade das firmas dos concelleiros”

A Alcaldía do Porriño deu a coñecer a denegación á convocatoria de Pleno Extraordinario que solicitaba o grupo municipal do Partido Popular. Os motivos para dita denegación son o “non constar acreditada a autenticidade das firmas e a vontade dos concelleiros solicitantes” e, como consecuencia a ese feito, a solicitude de Pleno “non ven correctamente firmada polo número necesario de concelleiros”, unha cuarta parte dos membros da Corporación.

A resolución da Alcaldía, segundo explica o Concello do Porriño, basease no exame da solicitude de Pleno e da acreditación dos concelleiros firmantes ao cotexalos con outros documentos existentes no Concello.

Dese ‘análise’ e segundo a Alcaldía porriñesa resulta que “só o voceiro, Alejandro Lorenzo presenta solicitude e firma electrónica con certificado recoñecido”.

A resolución da Alcaldía é concluínte ao engadir que “respecto da acreditación da identidade, firma e declaración do resto de concelleiros firmantes, só consta un garabato ou simulacro de firma ao final do documento”.

A maiores precísanse irregularidades como: “non se identifica a autenticidade dos firmantes co seu nome e apelidos; non se identifica a autenticidade dos firmantes co seu DNI e non se formula a solicitude mediante documento ou firma electrónica como alternativa”.

Antes de firmar o decreto de denegación, a alcaldesa reuniuse co secretario xeral do Concello para consultar o caso. O voceiro do PP, Alejandro Lorenzo –afirma o Concello do Porriño–, “xa ten coñecemento da denegación da que foi informado polo Secretario”.