A Concelleira de Benestar Social e Igualdade do Concello de Ponteareas, Verónica Carrera, vén de poñer en coñecemento dos interesados e interesadas que na páxina web do Concello xa están a disposición das familias os impresos para solicitar praza na escola infantil municipal.
Do 5 de abril ao 7 de maio estará aberto o prazo para presentar solicitudes todas aquelas familias con fillos e fillas nadas a partir do 1 de xaneiro de 2019. Poderán solicitar praza na Escola Infantil Municipal aqueles nenos e nenas con idade entre os 3 meses e os 3 anos.
Por ser unha escola de integración, pódese solicitar praza para nenas e nenos con discapacidade física, psíquica e sensorial. Neste suposto, poderase, logo da valoración técnica, prorrogar a permanencia destas nenas/os un ano máis, fóra dos límites da idade.
Os impresos de solicitude deberanse cubrir preferiblemente por vía telemática na páxina web do Concello de Ponteareas nesta ligazón.
Tamén se poderán recoller na Escola Infantil Municipal, das 9 ás 14 horas, mediante cita previa telefónica no número: 673 794 789. Neste mesmo número poderanse realizar consultas telefónicas durante o horario anteriormente sinalado.