Domingo, 4 Maio de 2025

AER comeza co proceso de relevo de concelleiros

Dáse comezo coa concelleira Susana Couñago, cumprindo así uns dos principios de AER co cambio de concelleiros, á metade de mandato

Un dos principios que sempre defendeu AER foi a renovación dos seus cargos no Concello durante o mandato de 4 anos.

Durante o período electoral, AER manifestou claramente que, aínda que non estivese na oposición, ía manter esta mecánica na medida do posible. Para AER é un dos seus principios esenciais, pois con esta dinámica pretenden dúas cousas: evitar que as persoas se perpetúen no poder político e evitar que as persoas que participen na vida política queden desconectadas da vida laboral.

Nesta ocasión, e formando parte do goberno, houbo moito debate dentro da Agrupación porque a renovación podería implicar certa perda de efectividade á hora de tomar coñecemento da organización interna do Concello; pero primou o mantemento dun dos sinais de identidade da Agrupación de non buscar ou querer un “futuro político” das persoas que a representan no Concello.

Por outra banda, a Agrupación está tranquila, xa que ó seguir funcionando en asembleas e grupos de traballo por áreas, cóntase  con mecanismos de comunicación para que as persoas que van entrar na corporación tivesen coñecemento de todo o traballo realizado polas tres concelleiras/os actuais.

Deste xeito, Susana Couñago, concelleira de Participación Cidadá, Novas Tecnoloxías e Transparencia acaba de presentar a súa renuncia para o pleno do 25 de febreiro, tentando deste xeito que para finais de marzo, a persoa da Agrupación que a substitúa, xa forme parte do Pleno e do equipo de goberno municipal.

Aínda que os dous anos non se compren ata o inicio do verán de 2021, varios factores determinaron que se adiantase uns meses a renovación dos concelleiros: que os cambios sexan paulatinos para conseguir que AER non deixe de ter representación completa no Pleno e que os cambios dentro do equipo de goberno sexan mellor asimilados.