Sábado, 3 Maio de 2025

Iniciados os traballos para dotar a Redondela do primeiro parque de calistenia do municipio

A zona será totalmente accesible e contará con aparatos destinados a la práctica deportiva das persoas con mobilidade reducida

O Concello de Redondela ultima os traballos para abrir, nas vindeiras datas, o que será o primeiro parque de calistenia do muncipio, unha modalidade de exercicio cada vez máis solicitada e na que só se utiliza o peso corporal seguindo diferentes táboas. A nova dotación deportiva quedará estará situada a carón do pavillón municipal da Marisma, completando unha zona deportiva que xa conta cunha pista de baloncesto e un skatepark.

Espaldeiras, escaleira horizontal, mesas de lumbares, dominadas, anillas, barra fixa, paralelas, monkey e snakebar serán algúns dos elementos que compoñerán este parque que, amais estará habilitado para persoas con mobilidade reducida que contarán, amais, cunha escaleira horizontal inclinada e unhas paralelas simples.

Os traballos de preparación desta zona, inclúen a execución da obra civil necesaria, instalación de céspede artificial sobre un pavimento de seguridade de alta calidade na zona dos elementos de integración e a instalación dos equipamentos de ximnasia. Completase coa debida sinalización para o cumprimento dos requisitos establecidos na normativa para un uso lúdico e seguro da área.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e os concelleiros de Parques e Xardíns e Deportes, Alberto Álvarez e Nacho González, respectivamente, salientaron a importancia “deste novo espazo para o desenvolvemento da actividade física que se engade aos xa existentes e da resposta ás peticións realizadas pola mocidade”.

Unha vez que a instalación estea rematada, previsiblemente na vindeira semana, organizarase unha xornada de exhibición–con todos os protocolos de seguridade marcados pola situación sanitaria– para que mozos e mozas tomen contacto con esta disciplina que, cada día ten máis persoas afeccionadas.