Sábado, 3 Maio de 2025

O Concello intensifica a seguridade fronte ás xiadas nas rúas, camiños e estradas de competencia municipal

O SEIS en colaboración con Protección Civil e a Concellería de Vías e Obras estenden sal para previr a formación de capas de xeo perigosas tanto para vehículos coma para peóns

As baixas temperaturas destes días comezan a deixar sentir os seus efectos en rúas, camiños e estradas de Redondela que presentan, en moitos lugares, capas de xeo perigosas tanto para a circulación rodada como para o tránsito peonil. Ante esta circunstancia, o SEIS (Servizo de Emerxencias, Incendios e Seguridade), vén de incrementar os traballos encamiñados a eliminación das capas de xeo co estendido de sal, labor que desenvolven coa colaboración dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil e da Concellería de Vías e Obras que xestiona Vicente Lamas.

O estendido de sal permite baixar o punto de conxelación, impedindo que se formen placas e xeo e permitindo o tránsito rodado. Estas labores non só se centraron nas estradas e camiños, senón que tamén se procedeu ao estendido de sal naqueles puntos do casco urbano que, polo feito de estar habitualmente á sombra, son máis propensos a creación de capas de xeo que poñen en risco a seguridade das persoas.

As labores que desenvolven o SEIS, Protección Civil e Vías e Obras intensificaranse cara a fin de semana dadas as previsións meteorolóxicas que anuncian, para o sábado, temperaturas moi baixas con posibilidade de precipitacións e o domingo, ceos despexados e temperaturas baixas “dous factores que incrementarán o perigo por capas de xeo nas estradas pouco transitadas”, sinala o concelleiro Vicente Lamas.

En todo caso, tal e como explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, “a complexidade da rede viaria municipal fai practicamente imposible cubrir todas e cada unha das estradas e camiños”, polo que o Concello prega a colaboración veciñal “para poñer en coñecemento do departamento de Vías e obras, aqueles puntos nos que o xeo puidera supoñer un perigo para a seguridade, de cara a actuar coa maior rapidez posible”.

Rivas que agradeceu “o enorme esforzo que está a facer Protección Civil”, lembra que “a prudencia, segue a ser unha das mellores ferramentas que podemos ter nas nosas mans á hora de circular, sobre todo, naquelas estradas ou camiños pouco transitados e sombríos e que, polo tanto, son máis propensos á formación de placas de xeo”.