Domingo, 4 Maio de 2025

Baiona insiste sobre a necesidade de cumprir as normas sanitarias para previr a transmisión comunitaria da COVID-19

A Policía Local de Baiona e a Garda Civil veñen de poñer en marcha un operativo para informar e recalcar entre a poboación a importancia do cumprimento das medidas sanitarias –coincidindo coas festas do Nadal– co fin de reducir o risco de transmisión comunitaria da COVID-19, evitar os contagios e, dese xeito, impedir a expansión da enfermidade.

O operativo iniciado os pasados 24 e 25 de decembro foi meramente informativo e trouxo consigo o aumento do número de inspeccións para a vixilancia do cumprimento da normativa sanitaria vixente na hostalaría, poñendo especial atención no no aforo, horarios, máximo catro persoas por mesa ou agrupacións de mesas, distancia mínima de 1,5 metros, suspensión do servizo de barra, o uso obrigatorio de máscara ou a prohibición de fumar en terrazas se non se respectan as distancias mínimas interpersoais.

Así mesmo, volveuse a acordar establecer leste mesmo dispositivo conxunto entre Policía Local e Garda Civil, que verán reforzados os seus servizos o 31 de decembro e o día 1. O Concello lembra aos establecementos hostaleiros que a terraza deberá estar montada na súa totalidade pero a súa ocupación debe de ser do 50 % do aforo. Así mesmo e ante as novas medidas decretadas pola Xunta de Gailicia, desde o mércores día 30 e ata nova orde a hostalaría nos concellos en nivel máximo, como é o caso de Baiona, poderá pechar ás 18:00 horas en lugar da as 17:00 h actualmente estipuladas e, o día de Ano Novo, estes establecementos non poderán abrir antes das 11:00 h.

“Este ano, do mesmo xeito que noutros ámbitos, as festas do Nadal veranse adaptadas para evitar grandes concentracións de persoas nos arredores dos establecementos hostaleiros”, explicou o alcalde, Carlos Gómez Prado, quen destacou “o comportamento exemplar tanto dos hostaleiros como dos veciños e veciñas que viñeron cumprindo de forma responsable a normativa sanitaria establecida”.

A Policía Local de Baiona e a Garda Civil coordinaranse para apoiar e traballar de forma conxunta no cumprimento das normas que teñen como fin frear a expansión do virus.