O parque infantil da Xunqueira, en Redondela, volve a estar plenamente operativo e a disposición dos seus pequenos e pequenas usuarias, logo de ser obxecto de labores de recuperación e rehabilitación de todos os elementos que o compoñen.
Así, os dous columpios dobres, os dous balancíns dobres e os tres simples, o xogo múltiple grande e o xogo múltiple de castelo e os tobogáns, foron reparados dende o seu aspecto máis visible, como poden os pintados, emplastecidos ou redebuxado dos motivos, ata aqueles que, non sendo tan visibles teñen unha especial importancia para a integridade do elemento e, polo tanto, para a súa seguridade –reposicións de parafusos, substitución de elementos estruturais danados ou taboleiros en mal estado, entre outros–.
A maiores das reparacións realizadas, recolocáronse todos os elementos redistribuíndo os espazos e, para a seguridade dos nenos e nenas, colocouse céspede artificial de 30 mm sobre o firme existente.
“Non se trataba de facer ‘un lavado de cara’, senón un traballo de recuperación e rehabilitación serio e a fondo. Non se pode esquecer que estamos a falar da seguridade dos nosos pequenos e pequenas”, afirma Alberto Álvarez, concelleiro de Parques e Xardíns.