Continúan as melloras no Centro de Saúde coa colocación de dúas alfombras mixtas de desinfección e secado anti-Covid para as dúas entradas do centro (a principal e o novo espazo habilitado), que serán substituídas mensualmente, e desinfectadas diariamente.
Tamén se instalou unha ducha para a desinfección e limpeza do persoal do centro nun espazo que xa estaba reservado para a mesma, pero na que nunca chegara a poñerse. Ademais, a zona que antes ocupaba a Galiña Azul, cedida polo Concello, xa se atopa totalmente acondicionada e en funcionamento como unha sala máis do Centro de Saúde.
O Concello das Neves mantén así o seu compromiso cun servizo fundamental como a sanidade, que tamén manifestou na reunión mantida o 30 de novembro no Concello co xerente da Área Sanitaria ao que trasladou a necesidade de activar a atención presencial. Necesidade que xa fora manifestada no pleno do 3 de novembro, a raíz dunha moción presentada polo grupo municipal do BNG, aprobada co apoio do PSOE, a abstención de Eduardo Mariño, e os votos en contra do PP.
