O comité clínico da Consellería de Sanidade que fai seguimento da evolución da Covid-19 en Galicia vén de acordar, na súa reunión de onte pola tarde, suavizar as medidas restritivas nos concellos de Barro, Coristanco, Cee, Laxe, Carballo e Ponteceso, que pasarán ao nivel básico de restricións, co que se suprimirá a limitación de mobilidade.
Así mesmo, os concellos de Baiona, Bueu, e Ribeira, pasan ao nivel máximo de restricións.
Ademais do antedito, os concellos de Santa Comba, Mazaricos, Negreira, Carnota, Rodeiro, A Illa e Fisterra, pasan ao nivel medio alto de restricións.
Igualmente, o comité clínico acordou que o concello de Santiago pasa a nivel medio e queda pechado perimetralmente.
Tras analizar a evolución epidemiolóxica no conxunto de concellos galegos, o comité clínico tamén acordou implementar unha vixilancia especial nos concellos de Verín, O Barco, A Rúa, Cedeira e San Sadurniño.
Sanidade lembra a obrigatoriedade de cumprir todas as medidas establecidas pola Xunta Galicia, co ánimo de mellorar a situación epidemiolóxica na comunidade e así poder ir diminuíndo as restricións vixentes.
Sinalar, por último, que hoxe mércores, a Consellería de Sanidade informará do plan de Nadal para Galicia.
