Sábado, 3 Maio de 2025

Iniciado o proceso de selección de cinco novos axentes e un oficial para a Policía Local de Ponteareas

Outros tres axentes tomaron posesión esta semana tralo seu período de prácticas. O concello duplicou os seus efectivos en pouco máis dun ano.

A Academia Galega de Seguridade informou ao Concello do inicio dos trámites para seleccionar durante os vindeiros meses a cinco novos axentes e un oficial no marco das prazas ofertadas polo Concello de Ponteareas na oferta pública de emprego dos anos 2019 e 2020. Por outra banda, esta semana tomaron posesión tres novos axentes e o oficial que superaron nos últimos meses o seu período de prácticas.

Deste xeito, o cadro de persoal da Policía Local está formado actualmente por un oficial e once axentes aos que se unen cinco auxiliares temporais. Tan só un axente está actualmente de baixa laboral. Cos procesos de selección en marcha, o cadro de persoal da policía acadará entre o ano 2021 e 2022 os dezaoito efectivos, sen contar auxiliares temporais.

Ao inicio do actual mandato, en xuño de 2019, a Policía contaba unicamente cun oficial en prácticas e sete axentes dos que tres se atopaban de baixa laboral. Deste xeito o Concello só contaba con cinco efectivos dispoñibeis. Un ano e medio despois os axentes activos na Policía Local duplicáronse.

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e o concelleiro de Mobilidade e Tráfico, Roberto Mera, amosáronse satisfeitos con estes datos “pois nos permiten avanzar no reforzamento da Policía Local”. Ademais salientaron o esforzo e adicación do oficial e dos axentes e auxiliares, que permitíu manter todos os turnos, incluido o de noite, mentres outros concellos da entidade de Ponteareas se viron obrigados nos últimos tempos a suprimilos.

Represas e Mera pediron á veciñanza “confianza e apoio a unha Policía Local cada vez máis profesionalizada e eficaz no seu labor de garantir a mobilidade, a seguridade cidadá e a convivencia”.