Domingo, 4 Maio de 2025

120 persoas participarán no I Encontro Dixital de Voluntariado da provincia

O encontro celebrarase o próximo 5 de decembro coincidindo co Día Internacional do Voluntariado

Cruz Vermella Pontevedra organiza este sábado 5 de decembro o I Encontro Dixital de Voluntariado, que se celebrará a través da plataforma Teams entre as 11.00 e as 13.00 horas e en que participarán 120 persoas de toda a provincia.

Durante a xornada, haberá un saúdo institucional da presidenta provincial Mº Teresa Álvarez Quicler e daranse a coñecer os datos de todas as accións e respostas realizadas durante este ano. Por outra banda, o doutor Adolfo Baloira, Xefe do departamento de Pneumoloxía do CHOP e recentemente recoñecido pola revista Forbes como un dos mellores doutores de España, dará a conferencia “Situación da Covid-19 na provincia de Pontevedra”. Ademais, os asistentes poderán gozar dun taller de cociña a cargo do chef Iago Crespo, que conta cunha ampla experiencia como Xefe de cociña en diversos restaurantes internacionais e que é contribuidor na lista de grandes chefs británicos.

O encontro celebrarase coincidindo co Día Internacional do Voluntariado que, como cada 5 de decembro, promove o recoñecemento e o agradecemento de todas e cada unha das persoas pola súa inmensa solidariedade e polo seu labor incalculable que fai posible que sigamos atendendo e dando resposta ás persoas máis vulnerables.

Actualmente, en toda a provincia, Cruz Vermella conta con 2.136 voluntarios e voluntarias en activo que achegan o seu tempo e coñecementos en axudar a outras persoas sen esperar nada a cambio. Ao longo de todo o 2020, na provincia investíronse máis de 20.800 horas en accións voluntarias. Desde que comezou o ano, houbo 348 altas entre novos voluntarios/ as e colaboradores durante o confinamento. É especialmente destacable que desde o inicio da pandemia pola Covid-19 mobilizáronse 556 persoas dentro do plan Cruz Vermella Responde, realizando máis 11.504 horas de intervención, repartindo alimentos, medicamentos, máscaras, etc en casas durante o confinamento, realizando chamadas de seguimento a persoas en risco ou colaborando e adaptando os talleres dos diferentes proxectos á contorna en liña, entre outras moitas accións.

Cruz Vermella segue apostando pola difusión e sensibilización do voluntariado, co fin de atraer a aquelas persoas con inquietudes sociais e que dispoñan dun tempo libre á semana. Nas áreas de Cruz Vermella Mocidade e de maiores, entre outras, segue sendo necesaria a colaboración de máis persoas, nun tempo onde todas as actividades e talleres adaptáronse a unha forma dixital. É imprescindible seguir colaborando nestes proxectos. Apostamos pola innovación social promovendo novas formas de voluntariado, de modo que o voluntariado adáptase ao tempo e os intereses de cada persoa que poida colaborar. En Cruz Vermella hai un voluntariado feito a medida de cada un.