Sábado, 3 Maio de 2025

Ponteareas recibe, un ano máis, aos nenos e nenas saharauís

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e a tenente de alcalde e concelleira de Ensino e Eventos, Cristina Fernández, recibirón hoxe no salón de plenos da Casa do Concello aos nenos e nenas que pasarán o verán en Ponteareas grazas ao programa «Vacacións en paz» promovido pola asociación Solidarieade Galega co Pobo Saharaui. Ata o mes de setembro, nenos e nenas vivirán con familias ponteareás ás que alcalde e tenente de alcalde agradecen a súa xenerosidade.

“Grazas á colaboración destas familias este verán seis nenos e nenas chegados dos campamentos saharauis gozarán de dous meses na nosa vila. Esta iniciativa de Solidariedade Galega co Pobo Saharaui permite, cada ano, que estas dúas culturas sigan a ser irmás”, explica Cristina Fernández.

Pola súa banda, o alcalde Xosé Represas adianta que nestes días procederase á sinatura do convenio que, como cada ano, “contribúe a que este intercambio sexa posible e reforza o espírito solidario tanto da asociación como das familias”.

Conchi Fernández, delegada de zona da asociación, agradeceu a colaboración do Concello e das familias acolledoras e agarda contar para o vindeiro ano “con máis familias para que máis nenos e nenas poidan gozar dunhas vacacións en paz”. Os e as interesadas en participar deberán porse en contacto coa asociación no número de teléfono 986 262 637.