Sábado, 3 Maio de 2025

Unha colisión entre un coche sen carné e un todoterreo sáldase cunha persoa falecida e outra ferida na Cañiza

Unha colisión entre un micro coche (coche sen carné) e un todoterreo saldouse onte pola tarde na Cañiza cunha persoa falecida e outra ferida. Segundo a información recollida no 112 Galicia, a vítima mortal e a outra persoa ferida circulaban no micro coche pola PO-406, cando bateron frontalmente contra outro vehículo, un todoterreo, á altura do punto quilométrico 3.

Para atender ás persoas implicadas no accidente, nada máis recibir o aviso do sinistro a través dun particular ao fío das 16:10 horas, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitouse a intervención  de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado, aínda que se descartou a súa intervención ao confirmar o falecemento do ocupante do coche sen carné.

Ademais, para prestar apoio aos efectivos sanitarios e ante a posibilidade de que houbese persoas atrapadas no interior do vehículo, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento dos Bombeiros e GES de Ponteareas, do GES de Ribadavia, dos Bombeiros de Vigo, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de Ponteareas.