Xoves, 19 Xuño de 2025

Oia rehabilita o parque infantil de Viladesuso e leva a cabo melloras no campo de fútbol ‘As Tornas’

Os traballos foron financiados con cargo á liña de investimentos do Plan Concellos 2019 da Deputación

O Concello de Oia acometeu diversas obras de acondicionamento, renovación e mellora das instalacións de lecer e práctica deportiva da parroquia de Viladesuso e no campo de fútbol municipal das Tornas, en Santa María de Oia. A actuación contou cun orzamento total de 44.443,87 euros e foi financiada con cargo ao Plan Concellos 2019 da Deputación de Pontevedra.

En Viladesuso, os traballos na zona de parque infantil consistiron principalmente na substitución de elementos deteriorados, como a torre, o columpio e o balancín, a instalación de novos xogos e a incorporación dunha fonte.

En canto ás instalacións deportivas, repintouse o campo de fútbol sala, substituíronse as porterías de fútbol sala por unhas novas con canastra incorporada e renovouse o céspede artificial. Tamén se incorporou un sistema de drenaxe entre a zona de céspede e o parque infantil.

Por último, o reacondicionamento desta zona tamén incluíu o cambio da pérgola existente por unha máis grande e a retirada das antigas instalacións de elementos biosaudables; a renovación de céspede natural, a instalación de novas papeleiras e o pintado de muros perimetrais.

Pola súa banda, as melloras acometidas no campo municipal das Tornas consistiron na colocación dunha nova rede de protección parabalóns e a instalación de dúas porterías regulamentarias de fútbol-7 abatibles e feitas en aluminio.

Actuacións en parques infantís do concello

Estes traballos véñense a sumar a outras actuacións do Concello en parques infantís doutras zonas do municipio realizadas nestes últimos anos, como é o caso do parque de Mavia, a ampliación do parque infantil de Mougás ou a renovación do parque biosaludable de Torroña.

A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, destacou que todas estas intervencións permiten mellorar a funcionalidade dos espazos e que, ao mesmo tempo, garanten a adaptación das instalacións á normativa vixente.

A rexedora afirma que a mellora das áreas infantís existentes no municipio e a dotación doutras novas son unha prioridade para o goberno local. Nese sentido, avanza que tamén se está a traballar na procura de terreos para a construción dun parque en Santa María de Oia, equipamento moi demandado pola veciñanza ao non existir ningún deste tipo na antedita parroquia.