Sábado, 3 Maio de 2025

O PP da Cañiza denuncia que non se inclúan partidas para educación, sanidade e emprego nos orzamentos da Cañiza

Miguel Domínguez critica que están camuflando nos orzamentos unha segunda subida de soldos para todo o equipo de goberno.

O Partido Popular denuncia que o Goberno local, co apoio de Ciudadanos, acaba de aprobar inicialmente os orzamentos de 2020 para o Concello da Cañiza con partidas baleiras para educación, sanidade, axudas para autónomos e empresas ou para o fomento do emprego, pero pola contra o documento si contempla a subida de soldos para todo o equipo de goberno.

Foi no pleno extraordinario que se celebrou onte luns, pleno no que a xuízo dos populares, “deberían aprobarse os orzamentos para o ano 2021, non os deste ano que está a piques de rematar”. Así o sinala o voceiro do PP local, Miguel Domínguez, que lamenta que tanto o PSOE como Ciudadanos votasen non ás emendas aos orzamentos que presentou o PP, e que, entre outras, contemplaban partidas para dotar de equipos informáticos e de conectividade ao alumnado con menos recursos; para mercar material sanitario para minorar o gasto económico dos máis vulnerables; axudas a autónomos e empresarios que se viron afectados economicamente pola COVID-19; ou para formación e o fomento do emprego.

“Do que si se acordaron foi de camuflar a segunda subida dos soldos dos membros do goberno no que levamos de mandato”, explica o popular, e por iso, “Piña ten tanto interese en aprobar a estas alturas uns orzamentos sen partidas para crear servizos para os veciños”. Unha subida de soldos que, engade, os membros do goberno levan cobrando desde o mes de xaneiro e por iso precisaban aprobar si ou si orzamentos este ano, porque no documento anterior non estaba reflexado. Polo tanto, “Piña e ciudadanos votaron onte non ás partidas presupuestarias para dar servizos aos veciños e si á unha segunda subida dos seus soldos desde xaneiro de 2020. Unha cortina de fume, unha pantomima máis dun goberno que os veciños non merecen”.

Ademais, no documento que aprobaron onte tamén se inflan os ingresos. Así, sinalan que no apartado de ingresos da entidade procedente de IBI, increméntase en 155.985,00 € con respecto ás previsións de 2019, increméntase o IVTM en 30.000,00 €, e o IAE en 20.000,00 €. “Isto faise sen ningún tipo de explicación na memoria realizada polo alcalde, cando estes números corresponderíanse aproximadamente coa alta de 500 inmobles novos, 400 novos vehículos máis e que a facturación das empresas da Cañiza se incrementase un 22% no ano 2020, cando todos sabemos que por desgraza, isto non é así”.