O Goberno de Redondela adiantou hoxe a súa intención de recorrer a vía xudicial para defender os intereses dos veciños e veciñas logo do fallo xudicial que, de executarse, os privaría de poder utilizar a PassVigo e gozar das vantaxes do transporte urbano que proporciona a tarxeta.
A alcaldesa Digna Rivas adiantou que o Concello recorrerá a sentencia e presentará un Recurso de Casación ante o Tribunal Supremo. “Só aqueles que no seu momento preferiron antepoñer os intereses do seu partido aos do conxunto da cidadanía, –afirmou a alcaldesa– poderían ter dúbidas de que para este Goberno non hai máis prioridade que os veciños e veciñas de Redondela e que, polo tanto, utilizaremos todos os medios para defender os seus intereses”.
Cómpre salientar que a sentencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que o Concello de Redondela recorrerá, só é executable se media solicitude para elo do Concello de Vigo e, en todo caso, a Lei prevé “que o Tribunal poida denegala no caso que considerase que a súa inmediata execución poida causa prexuízos de difícil reparación nesta situación transitoria”.
O Goberno local, por outra banda, considera paradoxal que “o PP queira agora erixirse como defensor das veciñas e veciños cando foron eles os que provocaron a situación que estamos a vivir”.
Lembra Digna Rivas que o exalcalde de Redondela, Javier Bas, lexitimizado polo Pleno da Corporación para defender os intereses do concello no Pleno da Área Metropolitana, preferiu na sesión constitutiva do 1 decembro de 2016 “seguir os ditados de Feijóo e Rueda e abandonar o pleno incumprindo, polo tanto, o mandato que a cidadanía lle outorgara para que defendera os seus intereses e deixando a Redondela fora a Área Metropolitana de Vigo”.
Non deixa de ser curioso, polo tanto –engade Rivas– “que aqueles que antepuxeron os intereses do seu partido aos dos seus veciños e veciñas, veñan agora a dar leccións e a esixir solucións para un problema do que son os únicos culpables”.
A alcaldesa reitera que “ao contrario que eles, nós tan só nos debemos aos nosos veciños e veciñas e, polo tanto, a solución dos seus problemas é a nosa única prioridade”. Nese sentido, Digna Rivas, insistiu en que o seu Goberno “utilizará todos os medios e vías legais ao seu alcance na defensa dos dereitos da veciñanza”.