11.6 C
Pontevedra
Martes, 30 de Abril de 2024
Máis
    HomeLouriñaMosLorenzana enxalza en Mos a formación da mocidade como oportunidade para mellorar...

    Lorenzana enxalza en Mos a formación da mocidade como oportunidade para mellorar as condicións dos traballadores

    A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, visitou a pasada semana na Axencia de Colocación de Mos o obradoiro de emprego de garantía xuvenil que se imparte na localidade co apoio da Xunta, e destacou a “oportunidade” que este tipo de actuacións brindan aos máis novos para seguir formándose e adquirir habilidades “que lles permitan axustar o seu perfil único ás especificidades do mercado laboral”. 

    Acompañada na súa visita pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a conselleira coñeceu de primeira man o recentemente iniciado obradoiro de garantía xuvenil Mocidade no Camiño, un proxecto que a través de especialidades como a xardinería ou o deseño de produtos gráficos mellora os espazos polos que transcorre o Camiño de Santiago ao seu paso pola localidade.

    Lorenzana manifestou sentirse ”privilexiada” ao  coñecer “como esta iniciativa axuda a todo tipo de persoas, sen importar o xénero ou idade, a adquirir habilidades que lles permitan axustar o seu perfil único as especificidades do mercado laboral”. “Un obradoiro de emprego é sinónimo de oportunidade, de determinación por seguir formándose e non quedarse atrás”, aseverou.

    Un total de 16 alumnos menores de 30 anos participan neste programa de emprego no que persoas mozas se forman nas especialidades de xardinería e deseño de produtos gráficos. Coas súas actuacións, os alumnos contribúen á posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos mediante a mellora paisaxística e recuperación de espazos degradados, así como a sinalización deste tramo do camiño portugués mediante carteis normalizados. Esta formación lles brinda a oportunidade engadida de ampliar os seus coñecementos para conseguir un emprego.

    Na Axencia de Colocación de Mos impártese tamén na actualidade un taller formativo de soldadura para persoas traballadoras desempregadas.

    Durante os últimos dez anos, a Xunta investiu máis de tres millóns de euros para a formación laboral neste concello, que permitiu avanzar na empregabilidade e inclusión dos seus veciños.

    Cos empresarios de Mos

    A conselleira tamén coñeceu durante a xornada os traballos que desenvolve a Asociación de Empresarios de Mos, cunha traxectoria de máis de 25 anos de presencia na localidade. Na visita ao seu viveiro de empresas -situado no polígono industrial de Veigadaña, onde se realizan programas integrados de emprego e programas de inserción laboral para mulleres vítimas de violencia de xénero, ademais de contar con persoal técnico de orientación laboral financiado pola Consellería de Emprego e Igualdade- María Jesús Lorenzana amosou o seu desexo de manter lazos estreitos con esta entidade “sendo o noso obxectivo último fomentar o desenvolvemento dun tecido empresarial máis competente, máis moderno, máis dinámico e máis igualitario” coa intención de avanzar de xeito conxunto na  reactivación e o impulso económico de Mos e de toda Galicia.

    A Xunta traballa a diario “por posicionar Galicia como unha comunidade referente en materia de emprego”, matizou Lorenzana, quen aproveitou a súa presenza na Asociación de Empresarios de Mos para facer referencia ao Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas que a Xunta vén de presentar, cun orzamento de 70 millóns de euros. “O plan que nace froito da colaboración coa Mesa do Emprego Autónomo e no seo do Diálogo Social, axentes cos que seguiremos traballando para concretar as medidas que o conforman”, explicou a conselleira, quen tendeu a man para cooperar nesta liña ao presidente da Asociación de Empresarios de Mos, Ramón Castro, ao seu xerente, Francisco Domínguez, así como ao conxunto do empresariado de Mos.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.