Sábado, 3 Maio de 2025

A Policía Local de Tui incorpora un vehículo 100 % eléctrico ao seu parque móbil

Está financiado pola Xunta con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental

A Policía Local de Tui conta dende hoxe cun vehículo 100 % eléctrico. Trátase dun Hyundai Kona cunha autonomía de 300 quilómetros. Foi adquirido polo Concello de Tui cargo ao Fondo de Compensación Ambiental financiado pola Xunta de Galicia. O investimento realizado ascende a 38.349,74 € incluíndo tanto o importe da adquisición do vehículo coma a instalación dun punto de recarga na nave municipal en Guillarei.

Na mañá de onte o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o concelleiro de Seguridade, José Ramón Magán, e membros da Corporación, acudiron á entrega do vehículo á Policía Local.

Enrique Cabaleiro, explicou que “a intención do goberno é ir renovando a flota dos vehículos municipais con vehículos sostibles, adaptados aos novos tempos, respectuosos co medio clima”. Nese senso indicaba que “a intención é ir dotándonos de máis vehículos eléctricos incluso híbridos”. Concluíu que “a responsabilidade da administración é empezar a dar exemplo nese senso”.