Sábado, 3 Maio de 2025

O Goberno de Redondela amosa a súa “indignación” polo intento do PP de querer politizar a xestión de Servizos Sociais en plena pandemia

O Goberno de Redondela amosou hoxe a súa “absoluta indignación” polas declaracións realizadas polo PP sobre o funcionamento do Servizo de Axuda ao Fogar (SAF), manifestacións que, entende o Goberno, “non só amosan un claro descoñecemento sobre os esforzos que están a realizar os Servizos Sociais do Concello nesta situación de pandemia, senón que ignoran a situación de crise sanitaria na procura dunha máis que dubidosa rendibilidade política”.

O curioso, di o executivo local, é que unha vez máis “no seu afán e na súa teima de atacar ao goberno como sexa e polo que sexa, pon en entredito a labor das traballadoras dos Servizos Sociais que, nesta situación extraordinaria, están a desenvolver un traballo cunha profesionalidade, dedicación e sacrificio que va máis aló do que sería esixible”.

As críticas, apunta a Concellería de Servizos Sociais que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, “debería o PP facerllas aos seus compañeiros de partido da Xunta que Galicia que vén de anunciar que, este servizo de SAF extraordinario, finalizará o vindeiro 30 de novembro e que, dende este pasado 1 de outubro, “non se poderán prestar máis horas das efectivamente prestadas ata o 30 de setembro”.

No caso do Concello de Redondela, previa valoración profesional do persoal técnico, prestaranse nesa modalidade unha estimación de 2.023,63 horas o que supón un gasto de ao redor de 29.000 euros, necesario para non deixar de atender ás persoas que máis o precisan”. “Non estaría de máis que os populares, aos que polo que parece tanto lles preocupa a situación, lle preguntaras aos seus compañeiros da Administración Autonómica por que, ata o de agora, o Concello de Redondela non recibiu financiamento algún da Xunta por este concepto”.

E dicir “a Xunta de Galicia procede ao peche dos centros de atención a persoas dependentes adoptando unha suposta medida “conciliadora” por medio dun paquete de axudas económicas insuficientes e coa posta en marcha dunha modalidade de SAF Extraordinario” o que supón que unha vez máis “deléganse responsabilidades nas administracións locais no relativo á xestión dun servizo fundamental, coas enormes dificultades e incertezas da súa xestión en tempos dunha pandemia sen precedentes e sen facilitar un protocolo de actuación frente á COVID-19”. Novamente a Xunta recorre, como xa fixo outras veces nesta pandemia a un “eu invito e os concellos pagan”.

O Partido Popular de Redondela, “recorre unha vez máis a falsidade intencionada”, afirma o goberno local, “cando asegura que a xestión dos servizos foi mala ou insuficiente por non facer uso da totalidade das horas” cando o certo, “e ben coñecido polo PP, é que a motivación de non terse outorgado un maior número de servizos, foi única e exclusivamente técnica logo das valoracións realizadas tanto na asignación das horas do SAF coma na xestión do programa Xantar na Casa”.

Lamentablemente e unha vez máis, conclúe o Goberno de Redondela, “o PP recorre á falsidade e a terxiversación nesa dinámica, xa demostrada en máis dunha ocasión, que en política todo vale, aínda que sexa utilizar unha situación de extrema gravidade como a pandemia, na procura dunha máis que dubidosa rendibilidade política”.

“Para nós, non todo vale. As necesidades das veciñas e veciños están por encima de calquera outra consideración como así o temos demostrado en máis dunha ocasión, afrontando gastos que corresponderían a administración autonómica”, remata o executivo de Redondela.