Na mañá do xoves, celebrouse semipresencialmente (algúns dos seus membros presentes no Salón de Sesións do Concello de Mos e outros por videoconferencia) a terceira Comisión de Seguemento da Evolución da Covid-19 en Mos tras a reanudación destas reunións de seguemento e control o pasado 1 de setembro, que foran interrompidas despois da última Comisión de Seguemento levada a cabo o 17 de xuño e que era a 16ª.
Realizouse polo tanto a sesión número 19 da Comisión de Seguemento da Evolución da COVID-19 en Mos que continuará en diante coa súa celebración periódica quincenal, na que se analiza e se establecen estratexias de seguridade, protección e prevención ante o virus.
A Comisión foi presidida pola alcaldesa mosense, Nidia Arévalo, e durante a mesma, ademais de facer o habitual repaso de todas as medidas e protocolos municipais activos en materia de seguridade e prevención ante a COVID-19, acordouse que o Concello tomará a temperatura e anotará os asistentes a eventos sociais e culturais como medidas adicionais en actos con presenza significativa de público.

Ademais das medidas xa vixentes en Mos correspondentes á nova normalidade derivada da COVID-19, a Comisión de Seguemento da COVID-19 decidiu na súa reunión e tal e como informaba ao seu remate a rexedora local mosense, Nidia Arévalo, “poñer unha especial énfase no cumprimento das medidas sanitarias e do distanciamento nos eventos sociais e culturais que se volten a programar durante as fins de semana e outras datas concretas, para evitar que sexan focos de contaxio. Desta forma, ademais de medidas xa implantadas, como uso da máscara, limpeza de mans e distancia social, nos actos con presenza significativa de público recopilaremos os datos persoais dos presentes elaborando unha relación dos asistentes e tomándolles a temperatura, co fin de localizalos no caso de que se produza un contaxio”.